Opinión

Complexos

Chegou o verán por debaixo da porta. Con pouco aviso, e antes da data oficial, asomou a patiña esta fin de semana, cos seus termómetros cálidos e os seus solpores longos e plácidos. Volveron encherse os areais e as carnes a desfilar.

E volveron –porque sempre volven– os complexos e as vergonzas sobre o propio corpo. Por moito que pasen os anos, e a pesar da loita titánica por aceptar que unha é como é, esa primeira vergonza sempre rexorde ao poñer un pé na area. E son eses días do verán precoz os protagonistas da loita psicolóxica que todas e todos, mais aínda fundamentalmente todas, libramos con nós mesmas para poder gozar da vida sen pensar na celulite que brilla ou na chicha que rebota.

Sempre coñecemos a alguén que nunca vai á praia porque non lle gusta o sol, porque non quere encherse de area ou porque non pode bañarse na auga do mar, que está moi fría. E, aínda que habelas, hainas, baixo ese discurso agóchase demasiadas veces un terror incontrolable a expoñer o corpo en público.

Malia que a calor aperte. Malia un amor segredo a rebozarse na area e sentirse unha serea asucando as ondas. Ao mal momento que outras persoas nos fan sentir polo noso corpo chámanlle bodyshaming, mais como lle chamamos á vergonza que nós mesmas sentimos cada verán para pasear tranquilamente en traxe de baño pola praia? Que facemos para solucionar un problema que nin sequera ten nome? Como devolvemos a tantas mulleres, señoras e adolescentes, os días de praia perdidos entre toneladas de complexos socialmente creados? Ese, e non outro, debería ser o noso verdadeiro bochorno.

Comentarios