Opinión

Os baleiros da guerra

De todos os baleiros do mundo, os peores son os que deixa a guerra. Non pode haber espazo máis estarrecedor, máis arrepiante, que o dun edificio desaloxado onde o único que se escoita é o eco do asubío dos mísiles. Alí onde días antes se reproducía en bucle o murmurio cotián das televisións e os transistores, da lavadora e o aspirador, das cuncas que chocan ao recoller unha mesa, das crianzas que choran porque teñen sono e dos amantes que fan o amor como se o resto do planeta non existira. Naquela oficina onde o son constante do teléfono era odioso e molesto, hoxe ninguén chama. Se alguén o fixese, podería escoitarse o eco do timbre da primeira á última planta, sen corpos humanos nos que reverberar e repercutir antes de desaparecer por completo. Tanto ten que sexa Ucraína, porque todas as cotiandades da vida, e todos os baleiros, soan parecido.

O baleiro da Praza da Independencia de Kiev é hoxe máis que elocuente; é o "maidán" da independencia e a liberdade que tanto custou conseguir, suplidas por tanques e unha densa alfombra de escombros. E a escola. Hai baleiro na escola onde días antes unha profesora falaba de forza centrípeta, de abecedario, de táboas e múltiplos ou quen sabe se de paz e de guerra. A mestra sangra ás portas do hospital cunha venda na cabeza e acaba sendo un símbolo, o do coñecemento asolagado de metralla, nas grandes portadas; outra moito máis nova colle un fusil coas mans trementes para defender o seu pobo. "Sabes usar un arma?", pregunta a xornalista. "Non. Comezamos a aprender hai dous días". "Tes medo?". "Por suposto". Cambiar os libros polas armas é o gran oco buxán que deixa a intelixencia para facer sitio á morte. Non é Salamanca en 1936, é Kiev en 2022. Podería ser épico e romántico se non fose porque é outro fracaso da concordia entre uns poucos para a desgraza de moitos.

Hai baleiro ata no metro e nas estacións de tren, os lugares onde se foi meter toda o poboación que aínda non fuxiu. Onde ata hai unha semana a vida transitaba en vagóns, hai hoxe unha sala de espera e medo que non sabe que esperar. Unha muller dá a luz no subterráneo reconvertido en búnker. Outro ser humano pedindo paso nun país en interrogantes. O baleiro é a vida en stand by sen saber se hai futuro. O baleiro xa estaba antes, cando non sabiamos que Kiev era o último bastión de oito anos de guerra.

Comentarios