Opinión

Avalancha

Por enésima vez, volvemos ler a maldita palabra nos titulares. Ese termo que, por moito que nos esforcemos en ampliar a súa acepción, continúa a resoar no imaxinario colectivo como aquilo que arrasa e invade todo o que atopa ao seu paso. Avalancha. Como se non estivésemos a falar de 6.000 persoas desesperadas que se lanzaron ao mar dende Marrocos para chegar a nado a Ceuta. 1.500, menores. Correron as cabeceiras a remover os piares do pánico, e o racismo institucional a colocarse para a foto. Mais non buliron as autoridades españolas en prestar a axuda humanitaria que calquera Estado comprometido cos Dereitos Humanos debería garantir. A ministra de Exteriores rexeitou relacionar a chegada de migrantes á cidade autónoma co traslado do secretario xeral do Frente Polisario, Brahim Ghali, a un hospital de Logroño hai xustamente un mes. Como se España e Marrocos non fosen un enclave estratéxico do control migratorio en Europa.

Como se España non tivese unha débeda histórica co pobo saharauí. Non debe sorprender a resposta da ministra, nin tampouco os titulares que apelan á invasión. É o mesmo mecanismo de confusión e equidistancia que se puxo en marcha tras a reactivación da violencia na franxa de Gaza, diante dun novo ataque desproporcionado de Israel contra o pobo palestino. A verdadeira avalancha é a diplomacia de salón que negocia con fronteiras e vidas humanas e, neste contexto, contar o que pasa é máis importante que nunca. Houbo un tempo no que existiron as corresponsalías. Agora bombardean edificios de prensa sen represalias. Agora vemos aludes no canto de persoas.

Comentarios