Opinión

A víscera

"Entón espertou a bruxa e deulle na cabeza cunha vasoira, pof, pof, pof, pof!". A nena de cinco anos conta o conto de Hansel e Gretel coa teatralización propia da súa idade. Cos ollos moi abertos, o puño pechado e un brazo que dá golpes secos no aire, enfatiza as palabras e engade elementos á historia popular que escribiron os irmáns Grimm. A nena transgride, reinterpreta e, aínda sen saber escribir, reescribe. Un ananiño que o relato non recolle aparece para liberar as crianzas do purgatorio da fame de carne humana da feiticeira da casa de chocolate. E é descuberto pola bruxa, que bate nel ata escorrentalo. "Pof, pof, pof, pof!".

Tanto lle ten que non haxa ananos no conto dos Grimm. Se a nena soubese escribir, representaría de novo a ese ser de fantasía para afondar na crueldade da bruxa e no mal que se cerne sobre uns rapaces que non teñen para comer e agardan ser comidos. Faríao tamén dende as tripas, fundíndose cos corazóns quentes das crianzas que nada teñen, agás fame, para transmitir a mensaxe que ela, sen saber aínda de loita de clases nin de política, sen coñecer onde están todos os recunchos nos que se agocha o mal, pero consciente da súa vulnerabilidade de meniña, xa coñece.

Esa é a primeira e única forma que conciben as crianzas para contar unha historia, a transgresión dos contos da xente adulta a través dos intestinos, da mimetización, da xustiza. Fuxir da mera presentación de personaxes que fan a nai, o pai e a avoa cando asumen que a bruxa, por bruxa, será entendida como a reencarnación do mal. Mais canto mal ostenta o poder lexitimado no mundo real. Se a nena soubese como se presentan certos personaxes nos noticiarios e nos xantares de domingo, con naturalidade homoxénea, denunciaría os adultos por encubrimento desleal, por obviar que a neutralidade é un posicionamento.

No seu discurso de agradecemento á Academia sueca, a Nobel de Literatura Annie Ernaux falou da escritura como compromiso, nunha inexorable utilización do "eu" sen pensar en para quen escribe, senón dende que posición. Escribir dende o desigual individual para transcender o universal. Escribir, di a autora, para vingar a súa raza e o seu xénero, porque "facer que o indicible saia á luz é un asunto político". Escribir para transfigurar a realidade, igual que aquela nena transfigurou a bruxa para, esta vez si, que a verdade da víscera venza o privilexio da bonita escritura.

Comentarios