Opinión

A torta de Bruce

Quen viviu a plenitude da infancia na década dos 90 probablemente terá gravada na retina a escena cinematográfica na que Bruce Bogtrotter é forzado a comer un enorme pastel de chocolate na presenza de toda a escola. O personaxe ideado por Roald Dahl en Matilda (1988) protagoniza unha das secuencias máis épicas da adaptación cinematográfica de Danny DeVito (1996). Bruce é o neno gordo do colexio, o que o converte nunha representación de todas as crianzas que fomos ou nos sentimos algunha vez como tal. A diferenza é que o pequeno Bruce, obrigado pola cruel directora Trunchbull a tragar enteira a torta de grandes dimensións diante de todo o alumnado, conta co apoio de todas as persoas que, coma el, ocupaban pupitre no centro. “Podes facelo, Bruce! Podes facelo!”, “Ánimo, Bruce!”. 

Non sabiamos o importante que era a lección de Dahl ata que a adolescencia nos colleu coa garda baixa. Hai uns días, a compañeira Diana López Varela explicaba nun artigo como os negocios de cirurxía estética fan caixa patoloxizando o que debería ser normal –a beleza, a fealdade, a gordura ou a vellez–, e os efectos devastadores dos filtros das redes sociais na percepción que as mulleres temos de nós mesmas. Aínda que cada vez son máis as figuras públicas que fan un grande esforzo para mostrarse como realmente son, o imperativo estético e a grande industria que o patrocina fusilan con forza para alimentar o noso desexo de ser outra persoa, fisicamente e en capacidades que nin temos nin nos interesan realmente. O gran negocio deriva na frustración, na depresión e en diversos trastornos de conducta alimentaria cuxo tratamento pasa tamén pola capacidade de pagar unha consulta privada.

Dahl era un xenio, e por iso non vou evitar recorrer a Matilda por segunda vez nestas páxinas. Coa potente imaxe dunha xenerosa e suculenta sobremesa de chocolate, o autor logrou transmitir a varias xeracións que o verdadeiro poder non consiste en ir a polo débil, o transgresor ou o diferente, senón na capacidade de unión contra a autoridade que trata de facernos sentir vergoña de ser como somos. Agatha Trunchbull como antítese da figura da mestra, representante do sistema que, sen predicar co exemplo, inculca o canon. A Trunchbull como Instagram, a torta de Bruce como símbolo de liberdade, e a literatura, unha vez máis, como arma contra a barbarie.

Comentarios