Opinión

Nós tamén falamos galego

No medio desta pandemia, que cada día nos some nunha espiral que semella non rematar nunca, faise necesario o tratamento doutras temáticas que nos afectan directamente, sobre todo dende a nosa condición como galegos e galegas. O pasado venres emitíase no programa La Sexta columna unha reportaxe sobre as distintas linguas que conviven en España e a súa situación actual. Unha iniciativa que sería axeitada se representase a realidade plena que vive o noso idioma na Galiza e non se deixase levar polo sensacionalismo.

É imposible negar que os datos que se mostran son demoledores, pero resulta esaxerado o xeito no que se presenta a lingua, practicamente como un dialecto alleo á maioría da poboación, que  unicamente se fala nas aldeas e que queda marxinado ao uso por parte de persoas maiores. Que o idioma envelleceu e se ruralizou din...

Nin unha nin outra. O galego estivo e está sempre ao servizo dos galegos e galegas, de todo aquel que queira empregalo tanto na cidade como na aldea, de máis ou menos idade, sen relegalo a unha categoría. Pecan de mesurados e de desmesurados ao mesmo tempo, deixando de lado a principal problemática: o proceso de substitución lingüística que se está a producir, froito dos prexuízos que aínda perduran na sociedade e da inexistencia dun conxunto de medidas que apoien a lingua.

Da vixente Lei de normalización lingüística, aprobada hai xa 38 anos, apenas se conseguiu atallar o obxectivo para o que foi creada. Máis ben perdurou como desiderativa, sen existir un desenvolvemento lexislativo posterior que garantise os dereitos lingüísticos. "A Xunta ditará as disposicións necesarias para a normalización progresiva do uso do galego", recolle o artigo 6.4. O certo é que os esforzos son mínimos e o incumprimento das ordes en todos os eidos (ensino, medios de comunicación, administración etc.) provocou que a lingua fose esmorecendo pouco a pouco durante estes anos.

O 23,90% da cidadanía galega de entre 5 e 14 anos descoñecen o noso idioma, consecuencia estreita dun Decreto para o plurilingüismo que marxina a súa utilización na ensinanza. Non hai nova ningunha sobre políticas que poidan axudar a reverter a situación, quizais porque o presidente da Xunta está máis preocupado pola eliminación do castelán como lingua vehicular que da propia posición do galego. "Nos imponen el gallego", din algúns.

De non ser pola mobilización social, a crise que vive a lingua tería avanzado máis significativamente, pode que ata chegar ao abandono do que se fala na reportaxe, pero que polo momento non corresponde coa realidade. Aínda non. Aínda seguimos aquí e seguiremos esixindo as condicións necesarias para procurar darlle a volta a esas cifras, para que o idioma estea máis presente en tódolos ámbitos da sociedade e para que goce do recoñecemento que merece. Por que non é só unha lingua que usen os maiores ou a xente das aldeas. Nós tamén falamos galego.

comentarios