Opinión

Fuches velo neno?

Este artigo non vai de panxoliñas, non vai de anxos gordiños nin de mulas e bois satisfeitos aínda que... 

“Vinde velo neno que está espidiño

E acurrucadiño ao pe dos seus pais

E máncano as pallas en que está deitado

E os nosos pecados aínda o mancan mais...” 

Aí hai dor... non o soñei!

Cavilando nas novas que estamos a dixerir no país veciño -Francia- dígome que podemos empregar aquela máxima de cóntoche a ti miña filla para que aprendas ti miña nora... viñéronme estes versos da panxoliña que canta Fuxan os ventos á memoria. Coidei que precisamente o que facían era contar as verdades todas, tamén as do lado escuro, o que as luces non acadan atravesar, os feitos agochados, segredos, o veleno con que se alimentaron e alimentan moitos meniños. Algún día a nosa estirpe ten de render contas de como considera as súas crías porque ó fin, elas son a futuras persoas adultas. Convivimos fatalmente con persoas feridas de gravidade sen sabelo. Desde estas liñas vai o meu respecto e empatía por elas. 

Ante os casos que os medios de comunicación ían sacando á luz nun continuo goteo, no 2018, a Comisión pontificia para a protección dos menores instou á Igrexa facer da atención ás vítimas de abusos sexuais unha prioridade. E, na mañá do 3 de outubro a Igrexa católica francesa espertou co estrondo (disque con sorpresa... vaites!) dos resultados estarrecedores de que alo menos 300.000 crianzas e persoas adultas vulnerables foran violadas por membros do clero desde 1950. Publicouse de xeito sumamente mediatizado o informe da CIASE1(Comisión independente sobre abusos sexuais na Igrexa) que leva o nome do seu presidente Jean Marc Sauvé, un memorial de 2.500 páxinas resultantes de investigacións serias e avaliadas por un comité científico composto de expertas e expertos fóra de toda sospeita e alimentado por miles de testemuñas (6.500) que non aconsello ler se non se ten o corazón ben amarrado. O informe fora encargado pola Conferencia episcopal e a Conferencia de relixiosos e relixiosos francesas. Contrariamente ao que sucede no resto da sociedade, na Igrexa católica agrídese preferiblemente a nenos. Nas familias, o lugar cabeza de lista, no que se da máis violencia sexual así como no conxunto da sociedade predominan as nenas entre ás vítimas. A Igrexa católica apostólica romana ostenta un non menos vergoñento segundo lugar.

As cifras dos e das agresoras (si, tamén mulleres)? entre 2.900 e 3.200, 2,5 % a 2,8 % de prestes e relixiosos desde 1950, (mínimos). Irlanda:  7,5 % dos prestes, 7 %; Australia, 4,8 %; USA, 4,4 % en Alemaña. Galiza? España? Italia? 

A Igrexa é católica, iso é universal. Non vivimos en viveiros estancos como os peixes dunha cetaria. Os nenos e nenas non se tocan. Se quen ten o sagrado deber de protexelos os viola... que nos queda de humanidade? As 45 preconizacións da CIASE que comportan actuacións ligadas co dereito canónico, a teoloxía ou a goberno da Igrexa... O mal é sistémico, a solución tamén.  

A Igrexa, institución despótica e patriarcal, produce os males que a destrúen mais non ten a exclusiva. O respecto das persoas máis vulnerables, a democracia, a liberdade, a igualdade, a inclusividade non son só palabras para lucir nos discursos. 

Que fai o bo papa Francisco? Discursos de laio e contrición cando, abofé que xa sabía o que había. Mais a xente agarda xestos concretos, cambios e decisións. A delegación da CIASE que tiña concedida unha audiencia veu adiaba a súa cita sine die mentres Yolanda Díaz si era recibida. 

Que non caia o po sobre as historias e as vidas desa xente, que as feridas sexan fecundas aínda que nunca sandarán. A día de hoxe estase a construír unha acción liderada por un bufete belga, no Tribunal europeo de DDHH, para que a Santa Sede perda a súa inmunidade e poida ser traducida en xustiza, tamén unha petición2.

O neno de Nadal medrou para dicir “É irremediable que haxa escándalos; pero ¡ai de quen os provoca! Máis lle valía que lle colgasen unha pedra de muíño no pescozo e que o largasen ó mar antes que escandalizar a un destes pequeniños”. Amen

Comentarios