domingo 28/02/21

A propósito da realidade

Artigo elaborado a partir de opinións diversas arredor de ‘Corazón de manteiga’, de Xavier Queipo

Di o profesor Manuel Forcadela no seu comentario critico na revista Madrygal que “Desde aqueles libros iniciais como Ártico ou Ringside [...] alá van 30 anos de escrita fecunda e modulada por un estilo propio, por veces difícil de situar, mais que responde ás expectativas dun galego cidadán do mundo, atento á súa contemporaneidade, que fixo da escrita na lingua do seu país un modo de vida e de manifestación do propio crecemento e, tamén, de rigor co compromiso ético debido”. 

Este sería un bo introito para este escritor e a súa obra. Agora, como parte desa aposta permanente pola innovación, vén de publicar Corazón de Manteiga, novela de sentimentos e pescuda psicolóxica, pois como dicía Queipo nunha entrevista á Revista das Letras en 2004: “A escrita é para min unha forma de psicanálise permanente [...] unha forma de renovación interior [...], coa avantaxe que non lle teño que pagar ao terapeuta’’. 

Corazón de Manteiga está dividida en catro partes: “Nenez”, como paraíso dos veráns na aldea e como territorio lingüístico do galego fronte ao castelán dos estudos e as rutinas na cidade; “Mocidade”, territorio de dúbida e exploración, do abraio e o sufrimento no amor idealizado; “Dromomanía”, que representa o acordar á vida adulta como conflito, que vai xerar unha duplicidade nos puntos de vista, e “O xardín dos caquis”, onde se produce a catarse final e a vindicación da diferenza.

É a ocupación primordial do narrador, contar historias sen que importe se estas son verdadeiras ou falsas

Non se trata dunha autobiografía senón dunha introspección investigadora para entender o que acontece arredor de nós. En opinión do escritor Carlos Negro, estariamos diante dunha “narración sinfónica, lírica e tamén científica, unha epifanía dos sentidos que ofrece unha mirada calidoscópica sobre a existencia humana, coa reivindicación do estraño, do raro, do inadaptado, do diferente.” 

Son reveladoras as citas que preceden o texto, que apuntan á historia do Eu, ese interior que en palabras do profesor Forcadela “se ve mellor nos soños e que é tan difícil de contar”. A cita de Gao, di: “Eu non sei se tes reflexionado verbo desa cousa estraña que é o eu. Muda cando se observa, como cando fixas a ollada nas nubes do ceo, deitado na herba.” Iso é claramente do que se trata en Corazón de Manteiga, do eu que muda cando un escribe ao tempo que inventa personaxes, que os recrea, que os modifica ou retorce, pois esa, e non outra, é a ocupación primordial do narrador, contar historias sen que importe se estas son verdadeiras ou falsas. 

Chama a atención a paisaxe emocional ambientada no franquismo dos anos 60 e 70, onde se respira control social por todas partes

Xosé M. Eyré escribía sobre a novela de Xavier Queipo que “Corazón de manteiga é un título ben bonito, ben lírico e que define estupendamente o protagonista central da novela, Mauro”. A obra de Queipo aborda iso, a creación dunha personaxe –Mauro– con trazos míticos, de xeito que ‘representa’ xa non un individuo senón unha categoría, a daqueles que senten que non encaixan no estereotipo ‘normal’. Iso achegaría o texto a novelas como Xoguetes para un tempo prohibido, de Carlos Casares ou The catcher in the Rye, de J. D. Salinger, pois Queipo xoga aquí coa tensión dialéctica entre soidade e solidariedade, características que achegan a súa actitude diante da vida á que encarnara no sistema literario francés Albert Camus. 

Chama a atención a paisaxe emocional ambientada no franquismo dos anos 60 e 70, onde se respira control social por todas partes, dende o nacional-catolicismo até a educación segregada. Esa sociedade produciu xeracións cunha gran carga de culpa, cunha eiva enorme no que se refire a empatía social ou á educación sentimental. Nesa sociedade, a supervivencia dependía dun exercicio continuado de simulación e autocontrol e era frecuente que aqueles que se sentían diferentes á norma establecida polo poder sufrisen psicoses froito da represión do eu. 

Corazón de Manteiga é unha novela onde Xavier Queipo volve sorprender unha vez máis pola súa versatilidade estilística, dominio da lingua e compromiso ético na defensa da diversidade. Recomendábel, pois, para aqueles “que se sintan diferentes, independentemente da súa característica diferencial”.

comentarios