Opinión

Tetilla Altri-Ulloa

[Francisco Maceira, Ferrol]

Que Galiza triplicara a súa débeda ou sexa unha das comunidades con peor calidade de vida do Estado é algo conxuntural. Espontáneo máis ben. Que segundo a RAG significa que se produce por impulso propio, sen necesidade de intervención externa. Igual que sae unha macrolepiota baixo unha verza cando chega o outono.

O certo é que non temos nada que envexar a ninguén. Ayuso está encantada de pasear polos nosos eucaliptais. Por que imos deixar de votar o PP?

Se no País Vasco trouxeron un Guggenheim aquí nos montamos un símil no Monte Gaiás. Tampouco envexamos o seu revestimento de titanio ruso. Para que  comprar pedra no Porriño se sae máis barata traela do Brasil? 

Os herdeiros de Iribarne están pendentes duns millóns que veñen de Bruxelas. O cheiro dos cartos sempre os excitou, e son capaces de calquera cousa. Até de chantar unha pestilente megapasteira en pleno corazón da Galiza. Á tetilla Arzúa-Ulloa viranlle ben dous novos aromas a base de cloro e ácido sulfúrico. Rueda atrasa as alegacións como atrasou a súa investidura por unha voda en Madrid. Non está disposto a que unha presa de ecoloxistas lle arrebaten o seu botín. Asegura que aquilo non ten nada que ver coa celulosa. Que de alí so sairán fibras téxtiles para a sección de lencería de Zara. 

700 anos despois, Palas de Rei libra de novo unha loita. Galiza volve xogarse o seu futuro, por segunda vez na Historia, en Porto de Bois. Espero que non volvan gañar os mesmos. Pero cando ex ministros e ex conselleiros  sobrevoan o campo de batalla, as cousas non pintan ben para os que verdadeiramente defenden o noso país.

Comentarios