Opinión

'O eucali-tólico', por Emilio López Pérez

—Vende Patrias: Xa quedamos en que iamos vender paisaxe por terra, mar e máis polo ar.
—Sobre Ruedas: Si, o lema podería ser “Todos los caminos llegan a Santiago”.

—Vende Patrias: E coidado cos ecoloxistas que van dicir “a paisaxe non se vende”.
—Sobre Ruedas: Aquí por vender pódese vender calquera moto. E eu de motos sei un cacho. Só depende do envoltorio. Por exemplo podemos arrincar castiñeiros e plantar eucaliptos e no medio dos eucaliptos plantar eólicos.

—Vende Patrias: Xusto, e despois temos pasta.
—Sobre Ruedas: Si, temos pasta dos eucaliptos e tamén dos eólicos.

—Vende Patrias: Pero os eólicos afean a paisaxe e os camiños de Santiago.
—Sobre Ruedas: Iso está amañando. Temos que falar co centro tecnolóxico de Massachusetts, encargamos unha edra transxénica con follas semellantes ás dos eucaliptos, plantámola á beira dos eólicos e facemos tamén un plan piloto desta plantación ao longo dos camiños de Santiago. A nosa árbore futura será o Eucaliptólico.

—Vende Patrias: E no nadal poñerémoslle luz gratuíta aos eucaliptos até que se asombren en Nova York, no Vaticano... e en Vigo tamén.
—Sobre Ruedas: Trato feito. Isto vai sobre ruedas...

Emilio López Pérez (Monforte de Lemos)

Comentarios