Opinión

'Golpe baixo da Cámara Alta', por Beatriz Fariñas

En 2005 o Senado aprobou o uso das linguas oficiais do Estado nalgunhas sesións e convocou entón un rigoroso proceso de selección e acreditación de intérpretes de conferencias. Foron 19 anos cun servizo de calidade e cun equipo estable, cualificado e experimentado.

Agora queren licitar o servizo. Outras institucións tamén externalizan, pero hai modos de facelo. O Senado publicou un prego de condicións draconiano que menoscaba a profesión da interpretación de conferencias ao contravir as súas normas máis elementais, condicións de traballo e dereitos.

Licitan sen esixir formación regulada, menosprezando a capacitación das universidades, sen ter en conta que detrás da interpretación hai horas de preparación, competencia, dispoñibilidade e responsabilidade; licitan a favor de grandes empresas que só buscan beneficios e en detrimento do tecido local. Como membro da Asociación Galega de Profesionais da Tradución e da Interpretación pregúntome: por que vulnerar estándares traballados durante anos polas asociacións profesionais da Rede Vértice e organizacións internacionais? Non se aprendeu nada das licitacións fracasadas de interpretación xudicial na Administración Xeral do Estado, denunciadas en moitas ocasións polo sector polos inxentes erros e problemas provocados? Por que unha Administración que predica e esixe exemplaridade licita con tan mala praxe?

Beatriz Fariñas (Poio)

Comentarios