Opinión

'Demoras inexplicables', por Xabier Campos Villar

Son un profesor de ensino secundario dende hai máis de vinte anos. No verán pasado, meses de xuño e xullo, participei por primeira vez no proceso de oposicións da Consellería de Educación como membro dun tribunal. Dende que tivemos a primeira xuntanza ata que rematamos con toda a papelame pasou algo máis dun mes con actividade durante boa parte dos días da semana, xornadas, nalgúns casos, de máis de 12 horas, e mesmo probas en sábados e domingos.

Todo ese traballo "extra" é remunerado a través de varios conceptos: quilometraxe, gastos na peaxe da autoestrada (se for preciso o seu emprego), gastos de aloxamento, dietas diarias... gastos que os membros do tribunal adiantamos dos nosos petos, e dos que xa se sabe a contía exacta cando se pecha todo o procedemento, é dicir, polo 20 de xullo.

Suponse que cando se convoca unha oferta pública de emprego, do tipo que sexa, todos eses custos xa están orzados. Pois ben, agora van as miñas preguntas: Como se explica que máis de seis meses despois de que rematásemos ese proceso aínda non percibísemos un só euro do que nos corresponde? Como se entende que ninguén da administración se puxese en contacto con nós para ofrecernos unhas mínimas explicacións? Quen andou xogando cos nosos cartos ao longo destes 200 días? É este o modelo de xestión exemplar e cumpridora do que presumen os gobernantes autonómicos e o aspirante ao goberno do Estado?

Xabier Campos Villar (Rois)

Comentarios