Opinión

Decadencia no CHUO, por Patricia Soto

Na pasada semana, estivo ingresada no CHUO a nosa filla -de oito anos- debido a unha gastroenterite aguda. Dende o primeiro momento sorprendeunos o estado de deterioro que presentaba a habitación. As paredes adoecían por unha capa de pintura, completamente raiadas, e nalgunhas esquinas a falta de pintura deixaba entrever as capas inferiores.

O lavabo da habitación desprendía un cheiro a tubaxe insalubre que invadía todo o habitáculo. Para completar a escena, algún enchufe roto e descolgado. En xeral, un descoido e estado de deixadez que xunto cun mobiliario vetusto xeraban unha imaxe decadente non acorde coa sanidade pública do noso tempo.

Tomamos imaxes do estado da habitación ao tempo que formulamos reclamación á Xerencia do CHUO. Ás poucas horas recibimos unha reposta na que se nos dixo que as plantas de hospitalización do materno estaban a utilizarse debido a un problema de ocupación, como consecuencia da gran demanda asistencial. Tamén aludía ao “inminente” inicio das obras do novo edificio de hospitalización.

Aos nosos ollos todo semellaba a actividade normal dun día normal; non atopamos nin as urxencias pediátricas cheas, nin alta ocupación. Consultadas fontes sindicais sobre as novas edificacións que supostamente resolverían estas carencias, comunícannos que non está prevista ningunha nova planta para uso pediátrico. En fin, as enerxías céntranse máis en tapar que en resolver os problemas xerados por quen quere que a sanidade pública siga co camiño que leva.

Patricia Soto Álvarez (Ourense).

Comentarios