Opinión

Mita, unha muller que camiñou sempre cara á utopía

Este mércores, 25 de agosto, deixou de bater o corazón de María Carmen Álvarez de Ron Riopedre, a quen todos chamabamos Mita. 

Mita nacera na Veiga, ese territorio case galego que está do outro lado do Eo e baixo bandeira asturiana. Formárase para ser Axente de Extensión Agraria.

O segoviano castelo de Coca viuna saír chea de soños e de ilusións daquela formación. O soño de axudar a transformar a vida dos labregos e labregas que nos alimentan a todos. A ilusión de abrir un mundo novo de posibilidades para quen vivía nese rural que xa se despoboaba pola sangría da emigración.

Molestáballe especialmente o desprezo por un oficio que estaba completamente desvalorizado. 

Tras un breve paso por Potes chegou a Negreira onde desenvolveu unha intensísima traxectoria profesional. Foi sorriso permanente na Axencia de Extensión Agraria de Negreira e foi sobre todo exemplo de traballo rigoroso e man amiga á que acudían os gandeiros en busca de axuda. Extensión Agraria de Negreira foi un referente indispensable para explicar a historia do Val de Barcala no pasado século. Non tiña horario, na oficina de oito a tres pero polas tardes preparaba ou impartía formación. Se nalgo sobresaíu o seu traballo foi na súa capacidade empoderadora da muller do rural. Creu nas mulleres cando ninguén miraba para elas nin por elas. Conseguiu que moitas mozas se abrisen paso cara novas formas vida, cara outro xeito de entender as explotacións gandeiras. Unha concepción nova na que elas podían aportar moito máis que a forza bruta do seu traballo. Mita foi mestra, compañeira, muller-exemplo para moitas. Aprenderon dela o orgullo de seren mulleres e seren labregas e iso cando se aprende xa non se desaprende máis. Non había temas prohibidos e sempre encontraba algunha maneira de introducir o que ela sabía que lles axudaría a vivir mellor. Se no medio dun curso de conservas saía o tema do uso de anticonceptivos poñíase un pouco máis de azucre e o curso continuaba (e a vida tamén). 

Da man de Mita chegaron as viaxes a Europa para coñecer experiencias punteiras que lles axudasen a modernizar as explotacións. Gozaba cos preparativos case tanto como coas estadías! E que imborrables resultaron para os que con ela viaxaron!

Uns anos antes de xubilarse cambiou a oficina de Extensión Agraria pola Dirección Xeral de Xuventude, onde tamén desenvolveu un importante labor que os máis novos souberon agradecerlle compartindo con ela a súa enerxía vital. 

O pasado ano, antes de que a pandemia virase co de dentro para fóra as nosas vidas, a vila de Negreira tributoulle unha merecidísima homenaxe. O auditorio estaba cheo de xente que quería agradecer o que unha funcionaria exemplar fixera por eles. 

En paralelo á vida profesional tamén estivo moi activa na vida societaria de Negreira. Foi unha das principais impulsoras da APA do Colexio do Coto, onde estudaban os seus fillos Mar e Dan. Dende a APA defendeu sempre unha educación pública, de calidade e próxima á realidade cultural e lingüística dos alumnos e alumnas. A historia da asociación cultural Afonso Eanes que tantas actividades culturais propiciou na vila tampouco se entendería sen Mita.

Durante moito tempo estivo tamén activa en política local nas candidaturas de Unidade Galega ou Esquerda Galega. 

No ámbito privado Mita era unha persoa xenerosa, amable, sempre optimista e cun corazón sempre disposto a darse polos demais, sabémolo ben os que a tivemos preto. No ámbito profesional unha desas persoas que axuda a abrir portas onde só hai muros inaccesibles, alguén disposto a reinventar o mundo cantas veces se precisase para facelo un pouco máis xusto, sen importar o traballo que iso dese. 

Dende este xoves 26 de agosto o corpo de Mita repousará no seu Piantón natal, ao carón de onde xa están seus pais e o seu home, Juanjo Cruz, que compartira con ela oficina na Axencia de Extensión Agraria de Negreira e que tamén deixou un fermoso recordo na comarca. 

Poden descansar en paz os dous, porque quedou un regueiro de amigos por onde pasaron e porque os seus catro netos algún día poderán estar ben orgullosos do traballo que eles deixaron feito, sempre camiñando cara á utopía.

Comentarios