Opinión

Unha festa da democracia no Empordà

Como mestra de Omnium Cultural Catalunya Nord, como nai de dúas nenas e un neno, que no territorio francés van ás escolas catalás La Bressola, e como galega e catalá, xa que nacín en Barcelona, decido participar na defensa das mesas electorais para o referendo sobre a independencia de Catalunya do 1 de outubro 2017.

As urnas -escondidas durante un mes nunha aldea de Elna, na Catalunya Nord- baixan aos diferentes lugares de Catalunya. Convocadas pola plataforma Protegim les escoles e co obxectivo de axudar as persoas da vila do Empordà en que eu vivín durante dous anos (e da que non vos darei o nome para protexer o alcalde, os mossos d’escuadra e o pobo), chegamos a un lugar do Empordà.

Diante da Casa do Pobo, ás 6 da mañá xa hai máis de cen persoas. As portas da casa están fechadas, mais dentro hai movemento, traballa a xente que conforma a mesa electoral. Xente, tranquila, contente, xente maior emocionada,  preparan chocolate e dos bares da parroquia van chegando bocadillos, café, pà de pessic….

Recibimos  as primeiras imaxes de violencia noutros colexios electorais: a policía e a garda civil están a entrar en diferentes centros de votación para retiraren as urnas e están a se producir situacións violentas. A xente maior pide calma: concentrarémonos en protexer as urnas aquí e non nos deixaremos vencer polo medo. Sae un membro da mesa e anuncia que poderemos votar porque hai un censo universal. Explica que é un censo en que, a través de internet, se poderá controlar quen ten votado e quen non e que, polo tanto, se un centro electoral está fechado, as e os votantes poderían exercer o seu dereito noutro centro, cun control total sobre o censo e as persoas que tiveren votado.

A xente maior pide calma: concentrarémonos en protexer as urnas aquí e non nos deixaremos vencer polo medo

 

Ás 8 da mañá, chega un coche con dous mossos d’escuadra. Son recibidos entre aplausos.

Pregúntannos que facemos. 

"Facemos unha chocolatada universal", contesta a nosa chocolateira, e todo o mundo ri, mentres confirma a nosa "Chocolatada universal".

"É quen é o responsábel?" Todo o mundo berra: "Eu! Eu!"

Dinnos que eles andarán por alí, xa que é unha concentración de xente inhabitual e que teñen obriga de garantir que todo irá ben… Durante a chocolatada. 

As portas do centro de votación seguen pechadas durante boa parte da mañá. Comunícasenos que, de momento, se están a protexer as urnas. Algunha xente maior vai entrando e cando sae unha señora di: "Que almorzo máis bo, tende paciencia, que haberá almorzo para todo o mundo!".

Vaise enchendo a praza do pobo con máis e máis xente, agora xa grandes e pequenos compartindo unha chocolatada con alegría. Sobre as once da mañá volven os mossos, agora son catro, din que teñen orde de fechar a casa. Sae o alcalde,  di que dentro hai xente maior e rapazada miúda e que a súa obriga é protexelos, diante de esta concentración inesperada de xente. Os mossos levantan acta e marchan, entre aplausos de novo. Outras dúas personas de Perpinyà chegan acompañadas por unha parella que vén de Lion, França. As xentes do pobo agradecen a presenza de xente de fóra; "Contade na vosa casa o que está a pasar aquí, que todo o mundo saiba que os cataláns somos xente pacífica".

Algunha xente maior vai entrando e cando sae unha señora di: "Que almorzo máis bo, tende paciencia, que haberá almorzo para todo o mundo!"

 

A antiga directora da escola vénme buscar e dime: "Carme, vouche ensinar algo que me dá vergoña, mais que tendes que contar. Marchamos almorzar!". Agárrame pola man e lévame á outra punta da vila, o polideportivo. Polo camiño topamos con xente, que entre sorrisos vai comentando:

-Almorzaches?

-Si, ho, almorcei, e ben que me prestou!

-E hai moita xente para o almorzo?

-Vai habendo, vai habendo.

Entramos no local polideportivo e situámonos nunha fileira ben longa. No remate da cola, unha urna. Lágrimas nos ollos da miña compañeira.

“A minha idade, ter que me esconder para poder votar! Eu pensaba que isto xa non o viviría máis, se por min fose, eu tería deixado a urna na Casa do Pobo, e se a rouban que a rouben… mais … aquí está". A medida que avanza a fila, comentarios sobre se isto é legal ou non, se se están a facer os controis ou non… Eu decido comprobalo. Entrego o meu pasaporte para votar, e inmediatamente xa se me di que o sistema informático non permite comprobar se estou inscrita no censo ou non. Entrego o meu DNI, introducen o numero no sistema e o sistema indica que non estou inscrita no censo.

"Sentímolo moito mais vostede non poderá votar, temos e queremos facelo ben". Evidentemente, eu estou inscrita no censo de estranxeiros para a miña vila, A Pobra do Caraminal. A señora directora, con lágrimas nos ollos, dime: "E logo aínda teremos que escoitar nos medios de comunicación que estamos a facer un referendo ilegal. Soamente queremos votar".

Volvemos para a Casa do Pobo onde a xente continúa concentrada. A consigna é ocupar o local para que, se viñeren buscar as urnas, só nos atopen a nós. Por volta das seis da tarde o alcalde que leva todo o día diante da Casa do Pobo nos anuncia que chega a garda civil. "Pídolle a todo o mundo que marche, aquí xa fixemos o que tiñamos que facer". Os mossos d’escuadra dinnos que saquemos os pequenos do medio, que a garda civil xa vén quente da parroquia veciña e que protexamos os nenos e as nenas.

A xente sae da casa mais queda na rúa. As nenas e os nenos fican seguros no bar da vila. A xente maior marcha para casa. Unha señora comenta: "Meu home está pechado na casa morto de medo. Pero a min non me van pechar, xa son vella de máis". Mentres estamos no bar coa rapazada sentimos música que vén de fóra… A mocidade música da vila toma a rúa e ocupa a estrada principal, para impedir o paso da garda civil, que xa non entrará no lugar.

Os mossos d’escuadra dinnos que saquemos os pequenos do medio, que a garda civil xa vén quente da parroquia veciña e que protexamos os nenos e as nenas

 

Rematamos o día de referendo nun ambiente festivo. O pobo está feliz e orgulloso de ter protexido o seu dereito a voto.

Ás nove da noite anuncian os resultados da vila:

625 si.

9 non

11 votos en branco.

2 votos nulos.

Nun lugar de pouco máis de 2000 habitantes.

O pobo fica en silencio até que alguén berra; "Visca catalunya!" E en toda a vila resoa "Lliure". Isto é antes das declaracións do Presidente do estado Mariano Rajoy. Joan Peytavi Deixona, mestre na Universidade de Perpignan, publica unha mensaxe que di:

"Madrid, 01/10/2017. Mariano Rajoy, presidente do goberno español, comenta o día. Endexamais vira en directo un discurso de tipo ditatorial surrealista. Feito".

Volvemos para casa, a Perpinyà. Xa para durmir, o meu neno pregúntame:

-Mamá, xa está feito, a nosa Catalunya xa é independente?

-Si,  meu amor.

-E a túa Galiza mamá?

Si, a miña Galiza, hoxe tamén é un pouco máis libre.

Comentarios