Opinión

Quen será xulgado?

A memoria é feble. Tanto que borramos con facilidade calquera cousa que contradiga os nosos esquemas mentais ou que nos incomode. Nunha memoria xa escasa as noticias sostidas no tempo tenden a minimizar o seu impacto na cidadanía. Ben triste, mais real. Neste mes de horror e xenocidio comezamos a incorporar como algo cotiá o número de crianzas asasinadas en Palestina. Os titulares da prensa comezan coas estatísticas, que se cada dez minutos morre unha crianza, número de hospitais bombardeados, número de ámbulancias, etc. Ao final, números nun reconto infernal.

Esta fin de semana relía Eichmann en Xerusalén de Hannah Arendt na tradución ao galego de Jesús M. Saavedra. Edición que conta cun estupendo prólogo da filósofa Fina Birulés traducido por Helena González. Lectura sempre recomendábel, pero que neste momento, reconforta e da certa luz sobre as dificultades humanas para un comportamento moral.

A tese de Arendt é coñecida, a saber, Eichmann non cometeu un delito contra o pobo xudeu senón contra a condición humana da pluralidade. Na súa alegación afirmaba que nin el nin os seus superiores, nos que Eichmann descargaba a responsabilidade dos crimes porque el só cumpría ordes de xeito eficaz, ten o dereito a determinar quen debía ou non debía habitar o mundo. Así fundamentaba Arendt que o exterminio dos xudeus europeos era un delito non contra un pobo, senón contra a humanidade. Un xenocidio é un delito contra a diversidade humana, diversidade sen a cal a expresión humanidade carece de sentido.

Estou, na tarde dun domingo de choiva, vendo as noticias do canal 24 horas. Un mozo do exercito israelí, coa cara pixelada afirma que é normal que existan baixas civís nunha guerra. Non fala de persoas, fala de baixas con esa linguaxe deshumanizadora que evita pensar nas persoas. Non podo deixar de pensar se o mozo entrevistado é descendente de persoas deportadas ou incluso deses xudeus para os que Eichmann xestionou a Solución Final. Cantas xeracións o separan do horror propio, dúas, se cadra tres.

O horror hoxe ten outros rostros. Para comprender ese outro horror, o que viría no futuro como continuidade do pasado escribiu Arendt. Na súa frase máis famosa, a banalidade do mal, apunta ás persoas que permiten os grandes crimes políticos. Esa banalidade que desafía a palabra e o pensamento. Ese déficit de pensamento que de novo vivimos. Unha ausencia total de moral en tempos de escuridade. Arendt volvía  a Sócrates para enfrontarse a Eichmann. "Cometer inxustiza é peor que sufrila", dicía o pensador ateniense. Sobre esta sentencia, o meu alumnado de Bacharelato consideraba hai dúas semanas que era unha inxenuidade que rozaba a estupidez. Custoulles non só entendela, custoulles non desprezala. Mozos e mozas educados e ben nutridos, aos e ás que o/a Outro/a non lles debería ser indiferente, sentiron que non ía con eles a xustiza e a inxustiza. Que mortos civís sempre existen. Fin do debate.

Hoxe en Gaza cométese un crime non contra un pobo, un crime contra a humanidade. Quen será xulgado?

Comentarios