Opinión

Medo e alivio

Medo e alivio son dúas palabras que acostuman acompañarnos logo dalgún proceso electoral. Comentaristas e analistas políticos repiten ese lugar común que non aporta moito, só certa respiración contida ate a próxima cita. As enquisas fallan e as urnas non son exactamente as redes sociais ou TikTok. Non obstante, a ultradereita crece e convence as persoas máis desfavorecidas do mundo.

Hoxe falamos de Milei. Mais temos unha Europa sitiada polo auxe fascista. Convivimos cos crimes de guerra contra o pobo palestino que non se explican sen a figura de Netanhayu e o que representa. Trump ten posibilidades de ser o candidato republicano de novo. Feijóo endurece o seu discurso político, podíamos velo este domingo en Toledo, esvarando cara ao polo que marca Vox. Unha parte da cidadanía sente ese medo do retroceso e con varias pinzas no nariz vai votar. Un alivio, como de tempo de prorroga, atravesa a esquerda. 

Non podo deixar de preguntarme se ese é o camiño que nos queda por diante. Fronte á motoserra, invocar a orde establecida. Non o sei. É case un tópico ollar para unha esquerda pouco falta de ideas ou conservadora. Pode que o problema non estea tanto na política, que tamén, como nun feudalismo da tecnoloxía e o mundo que configura. A concentración de poder e de riqueza nos propietarios de Amazon, Google, Facebook ou o que antes foi Twitter non é unha cuestión menor na situación actual. O nivel da súa riqueza é proporcional ao cambio de mundo que propoñen: individualismo e desinformación. 

Mercar na casa, buscar coñecemento no ordenador, facer amizades virtuais, emitir e consumir noticias sen contraste. Esas noticias que non o son, que son creadas para reafirmar os nosos prexuízos ou, incluso, incrementalos. Todo de xeito illado. Canto máis conectados ás redes e máis desconectados da realidade, mellor para os que se fan ricos incrementando a riqueza. Todo nunha sociedade sen vínculos, onde a dor dos outros é unha pantalla máis dos nosos xogos. 

Con ese alivio momentáneo –un alivio que como no Estado español, en Polonia e veremos en que grao en Arxentina, proporciónao o voto das mulleres– necesitamos non só a perspectiva de resistir. Tamén a de mudar a escala dos valores. As mulleres foron e son audaces mudando toda orde establecida pola relixión, as leis e a economía. O seu modelo de conquistas sen guerra é máis que necesario neste momento. A política ten serios problemas para convivir cos intereses neoliberais que concentran a riqueza e a desinformación global. Millóns de datos, os nosos datos, son atesourados polos novos señores feudais que non responden a ningunha outra regra que o seu egoísmo. Musk é o exemplo máis evidente hoxe.

Remato este artigo con certo medo. Este 24 de outubro as e os docentes estamos convocados a unha folga. A nosa profesión é unha das máis importantes para educar e facer comunidade. A sociedade do futuro tamén se deseña nas aulas e non só en Sillicon Valley ou nos fondos de investimento. Son optimista. Agardo un respiro de alivio.

Comentarios