Opinión

Manual da boa vítima

Está tatuado na pel de todas as mulleres. Escrito nos códigos sagrados e nos papiros máis antigos da honra patriarcal. Está escrito con claridade como ten que sentirse unha muller despois de ter sido agredida pola violencia machista: desfeita e submisa. Sobre esa premisa do manual da boa vítima establece a defensa o agresor: non sería para tanto, se segue coa súa vida como se nada.

Algo que non presupoñemos noutros delitos ou que incluso podemos consideralo como parte dunha terapia, saír e distraerse ou pasar páxina, nos delitos de violencia machista convértese na carga da vítima. A culpa, esa enorme pedra coa que se carga a educación das mulleres, forma parte da propia violencia. O manual de boa vítima foi quen de traspasarlle a culpa dunha agresión á agredida. Situamos a responsabilidade do lado das mulleres, porque estaba bébeda, ía soa, non reaccionou no momento... no fondo provocou e consentiu.

De feito, non xulgamos as vítimas dun roubo, dun accidente  ou dun francotirador que a emprende a tiros. Xulgamos as vítimas de violencia machista porque o manual establece con claridade que a falta está do lado delas. O que en linguaxe cotiá considérase co típico "algo faría".

Todo isto puidémolo ver, ouvir e ler no caso Rubiales. A diferenza está en que vivimos un cambio de paradigma. É certo que o antigo paradigma aínda está aí. Tanto que asistimos a un verán aterrador en número de vítimas de violencia machista, tanto en feminicidios como en violencia sexual. Pervive este paradigma coa complicidade de algúns medios de comunicación ou partidos políticos que seguen negando a violencia e ollando de esguello as vítimas. Ou como Ayuso, confundido con toda a mala fe a criminalización dos agresores coa criminalización dos homes. Como vemos ela segue as normas fundamentais do manual.

Contra isto vai emerxendo un novo paradigma. Podemos observalo no poder revolucionario das mulleres contra o manual da boa vítima. Outro paradigma que xa hai quen denomina cultura do consentimento. Pode ser unha fórmula. A través do consentimento intentouse sinalar ao agresor e eliminar a presuposición de consentimento implícito das mulleres. Un paso sen dúbida moi importante. Para min, a transformación vai máis ala. De xeito colectivo estáselle a dar forma á denominada vida libre de violencias machistas tantas veces demandada e coreada polos feminismos.

Ás veces ocórreseme que é unha nova cultura da liberdade o que agroma. Fronte á cultura da violación e a violencia de xénero o que escoitamos é un berro colectivo pola vida libre de violencias. O patriarcado sempre usou o poder disciplinador da violencia. Pensemos nas mulleres que soportaron durante anos por medo, ao que lles podería pasar a elas ou aos seus fillos e fillas, malos tratos. Ou nas mulleres que por medo a ser xulgadas elas nunca denunciaron unha agresión sexual.

Hai libros que non pagan a pena, o manual de boa vítima é un deles. O seu tempo pasou. Aínda que supoña arrancarse a pel ou queimar escrituras milenarias. 

Comentarios