Opinión

Liberdade, sempre!

Abril ten gusto a revolución, ás veces esas notas no padal semellan froito da nostalxia. Cincuenta anos son moitos para as novas xeracións, poucos para quen ten o pobo como banda sonora da mocidade. Non obstante, na semana da revolución dos cravos lembrar e celebrar a liberdade ten máis de ollada cara ao futuro, utópico ou material, que de bucle sentimental.

'Non hai alternativa' foi o lema que durante décadas se foi instalando no imaxinario colectivo. Unha especie de aceptación da realidade social e económica percorría conciencias, debates e vidas. Hoxe a mocidade apunta cara a outro camiño. Un cambio xeracional estase xestando no escenario político. Diferente ao que provocou hai máis de unha década o 15-M e que Podemos dilapidou en tempo de marca olímpica. A crise do 2008 desencadeou unha crítica social ao sistema de partidos, unha aposta polo asemblearismo e a democracia cidadá. Foi un revulsivo social e político importante para as estruturas partidarias tan tendentes á artrose democrática, tamén unha toma de conciencia da dificultade da política sen organizacións. Naquela altura, criticouse o exceso de preocupación identitaria dos partidos nacionalistas. Como se a identidade ou as identidades nacionais fosen unha especie de capricho do pasado. Supoño que a lente madrileña non só deforma palabras como liberdade pola dereita, tamén o fai coa identidade pola esquerda.

Como o tempo é imparábel, unha nova xeración racha con moitos dos tópicos herdados. Por unha banda, considera que si debe haber alternativas a unha vida centrada no laboral, o consumo e a explotación do planeta. Voces cada vez máis críticas coas xeracións anteriores desconfían do progreso económico e das bondades da produción como destino humano. 

Por outra, os partidos nacionalistas de esquerdas canalizan os desexos dunha mocidade que entende que identidade e benestar van, ou deben ir, da man. Toda unha xeración de homes e mulleres formados son incapaces de acceder ao máis cotián, unha vivenda. Un modelo que destrúe modos de vida volve como un búmerang á reflexión política. A identidade non é unha pregadura teórica, é unha forma de resistencia ante a depredación que o cosmopaletismo impón. Turismo masificado, espolio enerxético, deforestación, cidades invivíbeis son algunhas das características dun tempo que se mostra caduco e para o que se requiren alternativas propias. 

Non sabemos como será a seguinte revolución. Non sabemos se os cravos venceran as bombas, se venceran a pobreza e a deterioración ambiental. O que non podemos negar, nesta primavera electoral. é que moita xente moza non compra o discurso que oficializou o neoliberalismo. Que busca alternativas sociais ante as desigualdades, que mira as súas comunidades para estabelecer vínculos políticos. 

A liberdade configura a esencia propia do humano. Non é a retórica baleira que nos permite tomar unha caña en pandemia. É o que nos constrúe en relación cos outros, as outras. Celebramos o 25 de abril porque pensamos a partir de palabras herdadas. Da praxe histórica que nos acompaña Sempre! 

Comentarios