Opinión

Sobre copas e sentidiño

Sentidiño. Este é o hashtag co que comezamos o curso escolar. Ben impreso nas máscaras apela á responsabilidade individual para sortear toda unha serie de atrancos derivados da improvisación e a pasividade das administracións. De non ser pola vontade e traballo das equipas directivas, e a disposición do profesorado, o inicio de curso sería un auténtico caos. Mais este non é o tema que quixera partillar, son evidentes as múltiples dificultades ás que nos enfrontamos para organizar tempos e espazos escolares. O máis preocupante é deixar pasar unha oportunidade para pensar a educación, pode que tamén a vida. Este podería ser o momento para cuestionarnos as eivas dun ensino baseado nos contidos polos contidos, na fragmentación do saber en múltiples materias, na masificación das aulas, no dogma da tecnoloxía como salvación, no traballo burocrático e administrativo do profesorado...  

No momento no que temos que ensinar a manexar a incerteza como única certeza de futuro, entramos nas aulas cargadas de protocolos que esquecen o fundamental, a saber, a educación é unha relación cosida polas emocións. Se cadra remontarse a Platón soe a demasiado arcaico, pero cómpre recordalo cando a neuropsicoloxía referenda a súa tese: non podemos aprender sen paixón e amor. De feito, algo debe sospeitar a administración cando recomenda dedicar os primeiros días do curso aos aspectos emocionais do alumnado. Do que deducimos que, polo xeral, eses aspectos nin se traballan nin se recoñecen como algo valioso. A pandemia deixa a obriga colectiva de reformular o noso xeito de entender as prioridades vitais: económicas, ecolóxicas, lúdicas e tamén emocionais.  

Reformular o colectivo, a comunidade ou nosos xeitos de vivir son parte de poder enfrontar unha situación difícil que non vai mudar de xeito máxico de hoxe para mañá. Manter a mesma concepción das escolas, por moito que unha nova lei este no forno parlamentario, é un erro. Durante o verán falouse moito da importancia da hostalaría para unha economía baseada nos servizos, falouse de turismo e copas. Coa chegada de setembro o tema pasou a ser o problema de conciliación ou a normativa para non moverse en aulas e recreos. Pouco ou nada sobre o papel que as escolas e o profesorado teñen durante a infancia e a adolescencia. Isto é, o investimento que facemos hoxe para a sociedade que vivirá no ecuador deste século XXI.

O ensino necesita unha pensada de vagar mais alá dos protocolos, a empregabilidade, as competencias ou os estándares. Sentidiño significa ter sentido común. Esa facultade que segundo Descartes todo o mundo presupón tela e que na maioría dos casos escasea. Entendo que o bo facer do profesorado e, tamén do alumnado, levará este curso ao mellor dos portos posíbeis dado o temporal que vivimos. Moito sentidiño necesitamos para que o futuro dos nosos rapaces e rapazas non sexa de novo emigrar ou servir copas.

Comentarios