Opinión

Cabelos longos, ideas curtas

Estamos en bucle. Semella que no último mes o debate político está sempre no punto de saída. Hai algún momento sublime como Ayuso falando da discriminación de Madrid ou Rueda votando contra a lingua galega, mais en xeral todo é propio do día da marmota. Neste eterno retorno político aparecéuseme Schopenhauer.

Como nunha epifanía vin a Arthur, coa súa cara de enfado, nalgunha das conversas da pasada semana. Este filósofo, se cadra un pouco esquecido pola disciplina, débelle ás feministas que sempre citemos o seu rigoroso teorema a respecto da intelixencia. Este enunciase tal que así: a lonxitude do pelo é inversamente proporcional á lonxitude do conxunto de neuronas. Cunha metodoloxía empirista, baseada na observación do peiteado das damas da século XIX, concluíu antes do descubrimento da fisioloxía da neurona, o tamaño das nosas ideas, curtas.

Non foi o único en dedicar o seu grande intelecto, que seguindo o seu teorema débese ao feito de ser calvo, a desacreditar ás mulleres. Kant definiunos como menores de idade perpetuas ou Aristóteles negounos a capacidade racional. Por se alguén pensa que isto é cousa de filósofos, podemos coller os textos de médicos e psicólogos: o esforzo por teorizar sobre a inferioridade está repartido de xeito moi semellante. Na vida cotiá este compendio de ciencia perversa ten o seu espello nas brincadeiras que se poden facer sobre o físico das mulleres en bares, programas de televisión ou redes sociais.

Cabelos, roupa, masa corporal, beleza, idade ou menstruación son elementos para o descrédito das opinións das mulleres. Hai uns días, un concelleiro do PP de Compostela permitíase un chío sobre a presenza física da líder do BNG e a vicepresidenta do Goberno que nunca tería feito se fosen homes e quixese resaltar unha crítica política. Un feito grave. Non unha brincadeira.

Supoño que Schopenhauer e todos os señores listos que o precederon, e o continuaron, nunca pensaron sobre o valor de sentarse á mesa e que a comida estivese preparada. O valor da roupa limpa e ordenada. O valor de coidar cachorros humanos, que aínda que eles o descoñecesen, necesitan unha gran cantidade de enerxía, cariño e intelixencia para que sobrevivan. Ou o valor de coidar enfermos ou persoas vellas. Se cadra, nunca pensaron que a política vai diso, de posibilitar a vida.

Se cadra, non pensaron que igualdade e xustiza non son dous conceptos abstractos. Pola contra, son o que permite chegar a fin de mes, manter a sanidade pública, unha boa educación ou impedir o colapso medioambiental. Pode que os temas que máis interesan ás mulleres, e interesaron ao longo da historia, deberían ser tidos en consideración polos do grupo das ideas longas.

Ou aínda mellor, poderían deixar paso a novas ideas sen este nivel de machismo político constante. Incluso poden ir ao salón de peiteados. Un espazo que moitas mulleres empregaron como seguro para poder falar delas. A ver se lles medra o cabelo. Ou as ideas.

Comentarios