Opinión

As que limpan

Benqueridas lectoras e lectores, deixádeme coller prestado das amigas da A Panadaría o título deste artigo para dar a benvida a 2024. Na última tarde do ano, mentres tecleo no meu portátil, estou certa de que hai miles de balances e bos desexos circulando polo mundo. Brillos e purpurina inundarán en breve ceas e bailes. Do mesmo modo estou certa de que, por moito que me esforce, non serei quen de calcular en cantos fogares e locais, para que todo estea listo, rico e perfecto, mans de mulleres estarán limpando potas, pratos, chans e escaleiras.

Para que moitas de nós, que tamén limpamos, tecleemos hoxe, comentemos novas na radio, fagamos gardas nos hospitais, xulguemos nos tribunais, gobernemos Estados, xoguemos partidos de fútbol ou regulemos o tráfico nas rúas, xeracións de mulleres que nos precederon limparon de balde ou mal pagadas todos os días, todas as horas. De feito, de balde ou mal pagadas as mulleres limpan hoxe. Limpan os hoteis, os centros de ensino, as universidades, os xulgados, os hospitais, as escaleiras dos nosos edificios, as casas... Limpan e non as vemos. Limpan cedo antes de que entremos. Limpan cando marchamos para casa ou tomar unha caña. Limpan contratadas por empresas que se enriquecen coas súas mans ou para casas de mulleres que teclean no ordenador ou fan gardas nos hospitais.

Esta semana sentinme indignada. Moitas sentímonos así, fartas. Aínda acostumadas a escoitar de todo en política, a opinión de Ibarrola sobre o traballo de fregar escaleiras como o peor que lle pode ocorrer na vida, desatou unha furia de ataques e comentarios. Todas lembramos as nosas nais fregando escaleiras, portais ou casas. Todas lembramos que as cousas están limpas porque alguén as limpa. Sen máis.

O sector da limpreza non é só precario, é un sector no que se consolida a pobreza laboral. Onde a explotación é o normal, incluso o esperado pola sociedade. As mulleres deportistas conseguiron ser un faro de igualdade e xustiza neste ano que remata mentres escribo. O meu desexo para o que iniciaremos en breve é que a dignidade das que limpan sexa tamén un selo do feminismo e das conquistas en dereitos. O clasismo e o desprezo ao traballo feminino é un desprezo á vida. Sen a limpeza dos corpos, das casas ou os edificios os virus e as bacterias farían aínda mellor o seu traballo, isto é, aniquilarnos como especie. Rachar cos teitos de cristal tamén implica valorar e pagar o traballo das que limpan o cristal.

Se ledes isto en 2024 no xornal en papel, lembrade que a mesa na que se apoia está limpa porque se lle pasou un pano. Se o facedes no móbil, mirade ao voso arredor e pensade como chegou a orde e harmonía aos obxectos que vos rodean. Limpar é o traballo peor remunerado e máis desprestixiado na cadea de precarizacións do sector servizos. Un mundo feminista non é aquel no que as mulleres acceden aos postos que antes só estaban reservados para homes. Un mundo feminista é aquel no que as mulleres mudan os valores, o que é importante para vivir e convivir.

Por un 2024 feminista!

Comentarios