Opinión

Defensa da poesía, defensa do premio Eusebio Lorenzo Baleirón

No seu célebre texto de 1821, “Defensa da poesía”, un dos documentos basilares da revolución romántica, o poeta inglés Percy Bysshe Shelley escribía:

"A poesía é o máis infalíbel heraldo, compañeiro e seguidor do espertar dun pobo que se dispón a realizar un cambio na opinión ou nas institucións”.

A poesía, polo tanto, como canle pola que transcorre un tempo novo, a poesía como clamor dun pobo que reclama liberdade, o seu lugar no mundo. Esas son arelas que, como galegos, fixemos e facemos nosas, desde os tempos de Faraldo e Rosalía, e acho que, dalgún xeito, en todas as persoas que escribimos poesía en galego, son como chamas que latexan sempre en cada palabra nosa levada ao papel.

Se hai un lugar en Galiza que nos acolleu como poetas de xeito pleno, á altura dese legado histórico e cívico que acabo de sinalar, ese é o Premio de Poesía Eusebio Lorenzo Baleirón, organizado desde hai máis de trinta anos polo concello de Dodro, un concello pequeno e modesto, mais que leva demostrado un compromiso extraordinario ao longo do tempo por manter vivo o seu premio, que é xa o máis antigo do país e, sen dúbida, o máis singular e entrañábel. Porque ese premio non é só un premio literario máis, ese premio é unha rosa pousada con amor na memoria de Eusebio Lorenzo Baleirón, fillo de Dodro, poeta brillante; ese premio é unha ponte entre varias xeracións de poetas, alento vivo da creación literaria no noso idioma; ese premio é, ademais, un lugar de encontro e celebración para toda a veciñanza de Dodro. Ese premio é a demostración de que, como dixera Castelao con palabras de Heine, é posíbel ollar o mundo todo desde unha pequena xanela, a nosa.

No entanto, soubemos, grazas á comunicación feita polo Concello de Dodro, que a Dirección Xeral de Políticas Culturais da Xunta de Galicia decidira deixar o premio orfo de calquera axuda. Resulta realmente insólito que as autoridades culturais dun país castiguen deste xeito un premio literario tan asentado e querido como este. Onde van os propósitos de protexer e fomentar a creación en galego? Pensemos, ademais, nos momentos tan difíciles que estamos a vivir por culpa do estado de alarma sanitaria, unha situación que está a estragar moi gravemente todo o noso tecido cultural. É agora, máis que nunca, cando iniciativas como o Premio Eusebio Lorenzo Baleirón necesitan da axuda institucional.

Desde aquí, polo que ese premio significa, polo respecto que merece o labor dos poetas que pasaron por el e polos que pasarán, pola palabra que podería ser sementada en novos e fermosos libros, por todo iso, fago miñas as palabras de Shelley e insto a que se rectifique esa desafortunada decisión por parte da Consellería de Cultura. Non retiren o apoio ao Premio Eusebio Lorenzo Baleirón, non caian no autoritarismo e no silenciamento. Defendan a poesía.

Comentarios