Opinión

Estrela... fugaz?

As estrelas poden ser tamén fugaces, pero loitemos entre todes para que non o sexan.

Levo máis de 35 anos escribindo e representando teatro para as nenas e os nenos. Ao principio, as miñas pezas estaban cheas de imaxinación, fantasía, aventuras e diversión... E agora tamén, pero neste momento xa non chega só con iso, cando me poño a escribir non podo evitar pensar no teatro coma unha ferramenta para que os máis pequenos teñan acceso a temáticas controvertidas que, quizais, a televisión ou as redes sociais non visualicen do mesmo xeito.

Así, nas miñas obras abordo problemáticas como a da crise económica en Moito Morro Corporation Sociedade Ilimitada (Editorial Galaxia), ou a traxedia dos refuxiados en O Valo (Edicións Xerais). En A Pequena Compaña (Edicións Embora) falo dos abusos cometidos á infancia e en Ícaras, Premio O Facho de Teatro Infantil, do drama do desafiuzamento, que tamén sofren os máis cativos. A miña última peza, Mambrú volveu da guerra, que acaba de recibir o Premio SGAE de teatro infantil, trata sobre a memoria histórica democrática.

Estas temáticas seguen as correntes actuais de escrita teatral infantil no ámbito mundial, que eu coñecín a través das pezas da dramaturga canadense Suzanne Lebeau ou asistindo aos cursos impartidos polo autor alemán Roland Schimmelpfennig. Un teatro no que non existen temas tabú, e que mira a nena ou o neno a quen vai dirixido como un ser pensante, non como alguén a quen hai que educar.

Iso si, por primeira vez na miña traxectoria, estou percibindo algúns receos cando escribo sobre certas cuestións das que anteriormente non se lles falaba aos nenos, ou se facía de maneira moi simple.

Agardo que este non sexa o caso de Estrela... fugaz? (Editorial Galaxia), unha historia ambientada na diversidade e para a diversidade. Que hai máis diverso ca un bosque, onde podemos atopar un número ilimitado de especies animais como os personaxes desta peza: un moucho, un coello, un paspallás, unha toupa... que conviven sen ningún problema a pesar das súas diferenzas, incluso con seres tan diferentes coma as rochas ou os meteoros. A imaxinación non ten límites, e eu non llos vou poñer.

Esta "neofábula moderna", segundo as palabras do crítico literario Armando Requeixo, conta a historia dun meteoro que nace no cinto de asteroides que hai máis aló de Neptuno. Aínda que pasaba todo o día a xogar á roda cos seus irmáns, non era feliz, sentíase diferente. Polo que un día, aproveitando o paso dun cometa, marcha na procura dun lugar onde poder ser el mesmo. Será a Terra ese lugar ou terá que seguir a súa viaxe polo Universo?

Ao arredor desta pregunta xira toda a obra: seremos os habitantes deste planeta capaces de admitir que alguén sexa como se sente, aínda que non "nacese" como tal. Seremos quen de admitir a diferenza e respectar todo tipo de identidades e orientacións, ou rexeitaremos a aquel que queira vivir como é.

Por primeira vez estou percibindo algúns receos cando escribo sobre certas cuestións das que anteriormente non se lles falaba aos nenos

Dáse a coincidencia que Estrela... fugaz?, que escribín xa hai tempo, de feito gañou o premio O Facho no ano 2015, sae do prelo nun momento de gran debate sobre a Lei Trans e LGTBI. Por iso ten dúas dedicatorias, a primeira, "Hai meteoros con cola e estrelas con puntas. É tan grande o Universo!", é para darlle a réplica a unha campaña publicitaria que fixo unha asociación contra a diversidade.

A segunda dedicatoria é para Laura Bugalho, unha grande activista, que leva toda a súa vida loitando por isto, e que, como ela mesma denunciou na presentación da peza na libraría Cronopios, agora sente un rexeitamento grande por unha parte da sociedade.

Non quero esquecer falar da ilustración, que sempre é un engadido de valor ao texto. E neste caso, os debuxos de Afonso Barreiro, con quen xa colaborei en Contra o reloxo (Editorial Galaxia), descubríronme a gran conexión existente entre o cómic e o teatro. Fon é capaz de recoller a acción que existe nunha escena teatral e reflectila perfectamente nunha soa imaxe.

Agardo que Estrela... fugaz?, como as outras pezas que escribín, axude ás nenas e aos nenos a reflexionar sobre algúns temas que tamén lles afectan de cerca.

Comentarios