Opinión

A lista máis votada?

Confésome surprendido. Surprendido porque o PSOE, sen (que se saiba) ter negociado aínda nada nin co BNG nin coas outras forzas representadas na Deputación da Coruña (Compostela Aberta, Marea Atlántica e Alternativa dos Veciños), estexa a anunciar quen serán os próximos presidentes das Deputacións de Lugo, A Coruña e Pontevedra.

Confésome surprendido. Surprendido porque o PSOE, sen (que se saiba) ter negociado aínda nada nin co BNG nin coas outras forzas representadas na Deputación da Coruña (Compostela Aberta, Marea Atlántica e Alternativa dos Veciños), estexa a anunciar quen serán os próximos presidentes das Deputacións de Lugo, A Coruña e Pontevedra. E surprendido, sobretodo, porque o BNG non reaxa afirmando, airadamente, que todo depende dunha negociación que nen tan sequer comezou. Negociación, por certo, que debería ser nacional e común para as tres Deputacións.

 "Parécese dar por sentado que o BNG vai entrar nos gobernos provinciais. Xusto ao contrario do criterio anunciado para as cidades de Santiago, A Coruña e Ferrol"

Indo por partes. Parécese dar por sentado que o BNG vai entrar nos gobernos provinciais. Xusto ao contrario do criterio anunciado para as cidades de Santiago, A Coruña e Ferrol. Alén de explicar porque non hai problema en gobernar co PSOE e si parece habelos en facelo con Compostela Aberta, a Marea Atlántica ou Ferrol en Común, alguén debería esclarecer a razón dunha contradición máis que evidente. Debe haber motivos que a expliquen, con certeza, máis deben ser explicitados con urxencia.

Do mesmo xeito, a firmeza que o BNG e Lugo en Común están a demonstrar nesa cidade, condicionando o apoio ao PSOE á designación como candidato ou candidata dunha persoa que non sexa o pluri-imputado López Orozco, contrasta co asentimento implícito aos candidatos e candidatas nomeados unilateralmente polo PSOE para presidiren as Deputacións Provinciais. Máis outra contradición pendente de explicación.

"Dá a impresión de que a negociación está a ser levada provincia a provincia, sen unha visión de conxunto que permita cuestionar porque o BNG ten de lle entregar ao PSOE, sen discusión algunha, a presidencia de tres Deputacións"

Por outra parte, dá a impresión de que a negociación está a ser levada provincia a provincia, sen unha visión de conxunto que permita cuestionar porque o BNG ten de lle entregar ao PSOE, sen discusión algunha, a presidencia de tres Deputacións. Se os tempos mudaron, as regras tamén deberían facelo. E non semella exaxerado, nunha negociación de conxunto exixir, cando menos, que a presidencia dunha destas tres entidades deba corresponder ao BNG ou, de haber acordo en tal sentido, a unha forza distinta do PSOE. Así se fixera nos pactos municipais de 1979 cando, após unha negociación de conxunto, Domingos Merino foi eleito Alcalde da Coruña malia non ser Unidade Galega a forza de esquerda con máis representantes no consistorio coruñés.

Mais o decisivo, na miña idea, é outro argumento. A idea de que o rexeitamento da consigna do PP de que “debe gobernar a lista máis votada” debe ser coherente. É dicer, este rexeitamento debe ser feito con todas as consecuencias: isto é, non só para que non goberne o PP mais tamén, no seu caso, para que non teña que gobernar necesariamente a lista máis votada da alternativa caso de que as restantes, alcanzando un acordo, somen máis representación. Tal sería o caso, por certo, da Deputación da Coruña: 13 representantes do PP, 8 do PSOE, 5 do BNG, 3 da Marea Atlántica, 1 de Compostela Aberta e 1 de Alternativa dos Veciños. Se estamos de acordo en que non debe gobernar o PP, porque habíamos de consentir como se fose algo natural que teña de a presidir o PSOE se este se ve superado pola soma de BNG, a Marea Atlántica, Compostela Aberta e Alternativa dos Veciños (10 representantes en total)?  Ou é que a impugnación da idea, antidemocrática, de que teña que gobernar a lista máis votada só lle é de aplicación ao PP e non ao PSOE? 
O movemento demónstrase andando. Tamén nas Deputacións.

Comentarios