Opinión

Vitoria de Lux-o!

A dez metros do estadio de Riazor, sentado nun bar, unha señora pregunta:

A dez metros do estadio de Riazor, sentado nun bar, unha señora pregunta:

    Onde xogan hoxe os do Dépor?
    Como se fora na casa señora, como se fora na casa.


E efectivamente, o papel esperado fóra de Riazor, aínda que desta vez só pode dicirse á vista do resultado. O Dépor transformouse de novo en Barcelona nesa besta capaz de darlle a puntada ós seus rivais no seu propio corazón, na súa casa. Ensinou a gadoupa tan cedo que feriu mortalmente de inicio a súa vítima. Á súa nova presa desta vez non lle deu nin tempo a coller folgos e con eles poder encher os pulmóns de ar. Culio marcou un golazo no minuto un para levar costa abaixo o encontro, ou iso deberon pensar. Pero o que veu despois foi un mar de sufrimento ata conseguir defender os tres valerosos puntos.

O equipo coruñés elixiu aburrir, converter o encontro nun pesadelo, en puro nervo e tormento para o espectador

Marcar cedo foi o bo e tamén o malo. Porque co gol a prol os de Vázquez elixiron tirar do conformismo e dar carpetazo ao fútbol demasiado cedo. A fórmula do mínimo esforzo ofensivo e o máximo nivel de compromiso para lograr unha defensa numantina realmente resistente. E así foi como o equipo coruñés elixiu aburrir, converter o encontro nun pesadelo, en puro nervo e tormento para o espectador, sobre todo para os que estaban a 1.200 quilómetros vendo o partido pola televisión.

Tata Martino como espectador

Ante os ollos do Tata Martino, os herculinos utilizaron a estratexia de botarse atrás e destruír canta ofensiva puidese chegar dos culés. O equipo de Vázquez colocouse atrás, moi atrás. Renunciando a todo, cedendo todo o balón. Masip para ver a Borja precisou dun telescopio e se chegaron algún momento a súa porta foi como o efecto dunha estrela fugaz.

Pero fixo falla algo máis que defensa. Agarrarse á fortuna e sobre todo ao estado excepcional de Germán Lux que foi absolutamente providencial. Lux converteuse en heroe en Barcelona e confirmou que a estirpe dos Acuña, Liaño, Songo´o e Aranzubia segue tendo quen a defenda. Sen Lux en Barcelona non habería vitoria. No miniestadi confirmouse o valor da porta branca e azul.

Malia que o encontro foi duro para a vista hai que entender que entregarse á faena de tupir a defensa ata facela impenetrable durante 89 minutos, e que saia ben, ten moito valor. O Dépor asumiu moitos riscos e sobrepúxose a todos os sustos, como se tivera veteranía. Un prezo alto que saíu ben, por fortuna. Houbo momentos en que se viu defender ao tolo aos herculinos. Era necesario?

Agora toca Riazor... Segue e suma a sobredose sufridora.

Comentarios