Opinión

Un tute de ascenso, pero partiu!

Chegou o que se esperaba desde hai tantas e tantas semanas.

Chegou o que se esperaba desde hai tantas e tantas semanas. Unha vitoria que precipitara a euforia, un triunfo tanxible, valioso, e que realmente dese pé á celebración, ó éxtase. Nunha temporada tan complicada, extraordinariamente difícil, revolta, irrepetible, o ascenso tamén xogou o seu papel. Un ascenso que pasou de ser un actor secundario a ser o actor principal.  

Ó principio da temporada, falar de ascenso semellaba unha quimera. O ascenso era un convidado de pedra. Pero a medida que se foi competindo a probabilidade non só medrou, senón que se convertiu nunha urxencia. Ascender era un choio. A superoferta do mercado do fútbol. O ser ou non ser. A bombona de osíxeno coa que hiperventilar a abafante débeda herdada da era Lendoiro.

O outro Pupas

Pero cando o ascenso se aloumiñaba coas falanxes dos dedos chegou a paxara, o baleiro. A medida que se reducía a distancia sobre a liña de seguridade, ascender convertiuse nun agobio, nunha presión insoportable. Nunha alta responsabilidade. Entón, o reto de ascender comezou a dar mostras de resistencia, por esgotamento. E o ascenso abonouse ó sufrimento, ese sino que estigmatiza a todo deportivista veterano. Nunca chega un triunfo, nin un logro deportivo, sen sufrimento aparellado. O Dépor é o outro Pupas. E así foi, unha vez máis, e así case ata o final da competición, a historia dun ascenso.

Un ascenso que non se pode explicar sen Fernando Vázquez, gran xogador de tute, e o primeiro en crer entre os incrédulos.

Críticas sobre o esvaradizo final de campionato aparte, cun remate en picado e agobiante, ó Dépor tiña que ser práctico e reducir todo a xogar a única carta posible. Máxime, tendo tres dos catro ases do tute na man: afección, liderazgo e vantaxe. Só era cuestión de manexar ben o xogo, sen riscos. Fixar posición e marcar o ritmo da partida. Non era preciso coñecer as bazas a acometer polo rival, nin distraerse coas cartas bonitas. Só ser práctico e aproveitarse da veteranía: un rei infalible co que subirse a cabalo gañador.

E aí estivo Marchena, un campión do mundo, o que arrimou o último triunfo necesario para partir o xogo e espertar un enorme coro de voces ansiosas que esperaban cantar a baza infalible, coas corenta e as vinte sumadas tres veces na man. Esas voces cheas de sentimento, o berro de “arrastro”. Voces que forman un coro que dan vida a un gran corazón branco e azul.

Viaxe pola memoria

O ascenso é un alivio, unha liberación, unha vía de escape. Un gran respirador co que encher os pulmóns dunha bocanada de ar, e poder seguir o camiño berrando con forza goles de Primeira División. Goles que fan viaxar pola memoria das lembranzas do pé máxico de Bebeto, a cintura extraordinaria de Rivaldo, a zurda de Fran, a fantasía de Djalminha, o poderío de Mauro, a forza de Donato, a xerarquía de Djukic, a sobriedade de Makaay, a clase de Tristán, a viveza de Luque ou a perseverancia de Claudio. E de tantos e tantos outros, máis atrás no tempo da historia deportivista.

Un ascenso que non se pode explicar sen Fernando Vázquez, gran xogador de tute, e o primeiro en crer entre os incrédulos. O primeiro en facer do Dépor un compromiso de supervivencia. En nove meses tivo que serpentear entre as dificultades máis diversas. Houbo momentos de fraqueza batido entre tanta adversidade. Mesmo semellaba que se estaba quedando só na loita. Pero finalmente a sorte non só non lle deu de lado, senon que o recompensou para cumprir coa promesa dada.

Ó principio da temporada, falar de ascenso semellaba unha quimera. O ascenso era un convidado de pedra.

Hai un ano o Dépor acabou afogado á beira de Riazor, deitado sobre un manto de area verde e agarrado á bandeira do “Si, pódese”. Coa ilusión firme. E alí tendido contou co mellor socorrista co que se pode contar: uns siareiros de Primeira.

Foi unha tempada esgotadora. Un tute de ascenso. Partiu!

E agora…, respira Dépor, respira!

Comentarios