Opinión

Manter á raia a Liga

Por un fin un partido distinto. Alegre. No que a xente vai o fútbol e se divirte. Un partido onde as cousas saen ben. Todo sae ben. Nese concepto de saír “todo”, en toda a extensión da palabra. É dicir, todo aquilo que fixo saíulle ben. A Real, xusto o contrario, só hai que lembrar esa xogada na que o balón vai dun pao a outro paseándose só pola liña de gol. O Dépor fixo un gran partido, con sentido práctico do xogo, combinando ben, arriscando o xusto, controlando todos os tempos e a situación. Xa era hora de que a parroquia deportivista puidese gozar dun bo día na oficina. E a iso vai un a un campo de fútbol, porque de sofrer está un farto.

A Riazor chegou unha Real Sociedad descoñecida. Pero tamén gran mérito desa Real inoperante foi do equipo de Garitano, que esta vez si dirixiu un gran partido. Completo. Os xogadores mantiveron a raia unha arriscada presión alta sobre a Real. O Dépor quixo ter a pelota, e tívoa sen complexos, foina pasando, combinando e practicando un fútbol por momentos excelente. Riazor viu este luns un Dépor inédito. O mellor da temporada. 

O Dépor quixo ter a pelota, e tívoa sen complexos, foina pasando, combinando e practicando un fútbol por momentos excelente

Houbo un momento crítico, cando a Real marcou o seu primeiro tanto, situación da que os branco e azuis saíron con ben. A máquina realista semellou durante uns minutos que podía reaccionar e darlle a volta ó partido. Pero só foi un instante. Co penalti a favor do equipo branco e azul cerrouse o partido cara á tranquilidade. Unha sensación que en Riazor non se vivía desde hai meses, incluso anos. 

Todo o equipo, todo, estivo por encima do nivel amosado esta temporada. Tyton apenas tivo traballo. A defensa resolveu, sen complicarse e sen deixar perigo ó alcance do rival, defendeu cada balón parado en contra sen risco e con contundencia. O xogo fíxose do medio campo para arriba onde a creación atopou momentos para a reivindicación do tipo “aquí estou eu”. O Dépor celebrou o día da creatividade branco e azul -haberá que instauralo no calendario-. Impresionante Babel, unha das claves do equipo. Çolak demostrando que no Dépor hai luces, ás veces máis que sombras, e Andone que xa se sente liberado da presión de marcar o primeiro gol. Puido verse cómo se despregou por todo o campo con moita fame de gol.

Foi unha gran noite para Andone, e puido ser moito mellor se todo o que tivo entre os pés entrase na porta de Rulli. O dianteiro tivo ocasións de matador que se foron distraidamente por fóra. Por exemplo, dispuxo dun contra un que se complicou erraticamente na definición ao elixir o oco máis pequeno. Pero a boa noticia é que Andone atopou xa o seu momento e que está a gusto no equipo e convencendo onde ten que convencer: marcando goles. A bancada tamén está a gusto. 

O Dépor está unido. Hai compromiso. Hai esforzo. Hai intensidade

Cuestión importante, a máis importante de todas, é que o Dépor está unido. Hai compromiso. Hai esforzo. Hai intensidade. Onte viuse un equipo sacrificado, xunto, sen fisuras. Ese é, de momento, un indicador positivo. A sensación é de que internamente o cadro de Garitano, pese a camiñar no aramio, non se cae porque ten estructura sólida e credibilidade. Iso pareceu. Outra cousa é o que se sinte por fóra. Antes de comezar o encontro houbo asubíos para o técnico vasco. Asubíos que se transformaron en aplausos co transcurrer dos minutos. As vitorias traen treguas. Riazor volver estar en paz co seu técnico e co seu equipo. 

Agora visita ó Bernebeu. Esa é outra historia. Pero a seguinte cita si que si… Esa é a proba definitiva para convencer a todos de que o visto contra a Real terá máis capítulos editables. Mágoa que xa non queden máis equipos donostiarras na primeira volta. Pero Pamplona, queda cerca de terras guipuscoanas, a ver se hai efecto limítrofe e se prolonga a paz e o espíritu navideño  co que comezou o mes de decembro.

Paz e ben!      

Comentarios