Opinión

A intelixencia emocional do Dépor

A visita ao Novo Colombino non era tarefa sinxela. Por xogar na casa do líder, invicto toda a temporada.

A visita ao Novo Colombino non era tarefa sinxela. Por xogar na casa do líder, invicto toda a temporada. Ademais, porque o Recreativo é o líder por méritos propios, ao gozar dun dos mellores cadros de xogadores da categoría. E por riba, a lesíon inesperada de última hora do home que ten as ideas máis claras neste Deportivo: Juan Domínguez.

O equipo de Vázquez foi fiel ao seu estilo fóra da casa: armarse de paciencia, estar pegadiño, sen fisuras importantes, e ben ordeado. E esperar a oportunuidade de marcar para pechar o encontro O que non estaba escrito sobre o papel foron algúns dos cambios de cromos de Fernando Vázquez no once inicial, que, por exemplo, decidiu deixar no banco e sen xogar despois un só minuto a Borja Bastón, un dos máis efectivos e rendibles do equipo. Cheira a decisión polémica. Un castigo quizais? Por que?

E desta vez, o tan denostado balón parado acabou sendo o aliado necesario

Malia a nova mistura de homes, sen Rudy e Bastón no once titular, os de Vázquez son homes disciplinados. Seguramente, esa é a mellor cualidade deste grupo de futbolistas. O debuxo táctico, acertado ou non, obsérvase con claridade e non se desfigura. Tanto ten que homes xoguen. Todos teñen claro o que han facer. Iso fai que ao rival lles chuche toda a enerxía. Moi lonxe está este Dépor daquel orde e talento que representou Arsenio Iglesias, sobre todo, pola falta de talento. Entendendo o talento como un valor específico capaz de cambiar un resultado. Pero conserva unha das súas regras inquebrantables: a orde á hora de defender, clave para permanecer como un dos equipos menos goleados.

Na segunda metade, sacrificaron ese debuxo para estirar as liñas arriscando sen temor. Atopouse cómodo xogando ás anchas, suponse que Riazor axuda e xogar nun campo así está moi ensaiado. E desta vez, o tan denostado balón parado acabou sendo o aliado necesario. Xa era hora! O Dépor avisou nun saque de esquina que acabou en gol anulado por fóra de xogo claro de Marchena, pero o Recre non soubo ler o traballo dos branco e azuis. E na seguinte, Insua ergueuse imperial por riba de todos para cabecear ó fondo da rede.

Lux e Luís Fernández

Do encontro, ademáis de valorar o traballo dos futbolistas herculinos, salientan dous nomes propios. Lux e Luís Fernández. O estado de forma do porteiro deportivista é extraordinario. Foi decisivo para saír cos tres puntos de Huelva. Luis Fernández asumía a responsabilidade de ser titular e resolveu o compromiso con nota. Aínda que non logrou marcar fixo un gran traballo. Nesa liña de progresión consagrarase na categoría e aspirará a máis. Toleou os defensas onubenses e asociouse ben cos homes de banda, especialmente con Luisinho. Luis obtivo o premio da titularidade por marcar a semana pasada, e tomou en serio a confianza dada para o partido do Recre.

Ten moito mérito o que fixeron onte os “amarelos” -quen llo ía dicir ao defunto Antonio, “o xitano”, aquel fisio do Súper Dépor, capaz de queimalas camisetas se viaxase na expedición deportivista con elas na maleta-. A partir desta temporada, o amarelo queda desterrado da gama dos colores gafes na Coruña. Seis homes da canteira no equipo titular. Seis! Aínda que non se lles poida cargar co peso da responsabilidade, o certo é que están dando a cara e cumprindo.

O xogo non gusta, pero os resultados si. Con este equipo non se pode apostar polas dúas cousas. Ou xogo, ou resultados. E no mundo mercantilista en que anda o fútbol, e a escandalosa débeda do Dépor, fan que prioricen os resultados por encima de todo. A iso chámolle eu xogar con intelixencia emocional.

Case levan disputados un tercio dos partidos e o equipo está en postos de ascenso directo.  Desfrutemos mentres dure e conciencémonos de que isto é o que hai. Pero hai que seguir aguantando destes piares tan enxoitos así de “ben”. Veñen anos duros e escuros. Señores, chapeau! 

Comentarios