Opinión

Empate malo, mal empatado

Outra vez en barrena. De mal en peor. O equipo de Mel perdeu o gas que solta unha botella no momento de abrirse un refresco. As veces, abaneando a botella aínda lle queda gas, e segue saíndo ó volver abrila. E Mel fixo iso co Deportivo. Abaneou equipo e fixo varios trocos. Pero nin con trocos. Esta vez o problema foi de equipo, non foi un problema de plantexamento ou de homes. Sobre o campo estaba o equipo de consenso da bancada. Con Çolak e Andone

O Deportivo saíu sen sangue e tardou moitísimo tempo en atopar o seu sitio no campo. Tivo excesivas imprecisións, moitos erros e ningunha xogada clara. A primeira metade foi para tirar o lixo. Lembran ter esa sensación algunha vez esta tempada? A resposta é si, con rotundidade. Moitas veces esta tempada houbo a sensación de que o equipo perdía medio partido sen facer nada ou case nada.  

O empate ante o Granada é unha igualada sen graza, que non sabe a nada. Non resolve nada. O Deportivo tivo unha notable falta de competitividade, nula tensión, ninhunha intensidade. Ninguén diría que en Riazor estaban dous equipos que se xogaban a vida. Porque o Granada tampouco fixo nada de nada. Precisamente por iso o empate é un desastre, insulso, de escaso valor. En Riazor xogaron un partido de pretemporada insultante para o espectador. Dous rivais mediocres. Do peor da Liga. Os bufidos de Lucas Alcaraz para explicar cómo foi o partido foron todo un poema. A cada pregunta a resposta era... bufff. E si, certamente, o encontro foi un bluf, un esperpento.

Ninguén diría que en Riazor estaban dous equipos que se xogaban a vida. Porque o Granada tampouco fixo nada de nada

Por terceira vez esta temporada fago a mesma pregunta. O mal xogo, a mala imaxe do Deportivo, é un problema de adestrador ou de xogadores? A primeira vez fixen esa pregunta na primeira crise de Garitano. Despois dun pequeno arreón, volveu outro gran baixón e a pregunta volveu cobrar sentido. Por terceira vez, despois do efecto Mel, regresa a sensación de que o equipo non dá máis do que se ve. Xa que logo, cando a pregunta aparece por terceira vez a conclusión é clara. Non semella que o carro de xogadores branco e azuis teña a calidade que se lle supón. Esa calidade anda moi xusta. Grazas aos erros dos tres equipos da cola, o Dépor está salvado. En Riazor, Granada e Dépor deron a sensación de que dous dos peores equipos da Liga disputaban un partido pola nada. Decepcionante. Máis, se cadra, no caso do equipo herculino porque xogaba na súa casa. Iso quere dicir que miles de seareiros deportivistas que esperaban poñer pés en polvorosa ante o Granada, foron testumuñas dun partido vergoñento.

E logo está o do penalti. Outra vez, e de forma consecutiva, dun penalti a favor, novo penalti errado. Non é serio. Non é xustificable desde ningún punto de vista. A xogada máis importante do fútbol non pode ter un índice de fallos tan enorme. De oito penas máximas a prol do equipo coruñés, só tres foron gol. É xustificable que o Dépor pareza que bota a sortes a ver que tira un penalti? Cantos xogadores tiran penaltis no Deportivo? Por que o dianteiro do equipo, Andone para máis señas, non ten a misión de ser o primeiro home que ten a responsabilidade de lanzar desde os once metros? Mel, que os penaltis se adestran! Benditos adestramentos... só con dous dos cinco penaltis non marcados o Dépor tería seis puntos máis. O que significaría doce puntos de distancia co descenso, e como consecuencia a salvación da temporada.

Por terceira vez esta temporada fago a mesma pregunta. O mal xogo, a mala imaxe do Deportivo, é un problema de adestrador ou de xogadores?

Pero este Dépor, unha vez máis, deixa colgando asignaturas para xuño (neste caso é maio). Por riba, este equipo ten a manía de aliñarse cos malos estudantes, os do pelotón da cola. Cando xoga contra os seus semellantes regala puntos e non é capaz de colgarse dos máis listos da Liga. 

Ó Deportivo non lle sobran os puntos, pero visto o visto está no posto que merece. Preocupante a situación. Queda menos para chegar ó final da Liga e aínda non se ve claro se a distancia cos equipos en descenso é suficiente. En todo caso, a imaxe que volveu dar o cadro herculino non é suficiente. Horrorosa estampa que só salvou o premio dun punto. Un punto que foi excesivo para os dous equipos. 
 

Comentarios