Opinión

Eliminación sen bágoas

Na Liga dos pobres -concepto que é extensible á Copa lóxicamente- ter continuidade no xogo, cando se atola un modelo a seguir, é algo que está limitado no tempo. O mercado de inverno é unha oportunidade para fortalecer os puntos débiles, pero desde hai un tempo, tamén, un problema. Porque, quen o ía dicir ó principio desta temporada!, a marcha de Babel…. mudou a profundidade, os espazos, as asistencias, o acerto. 

O mercado de inverno, e as lesións, a de Carles Gil, viñeron trastocar un modelo de xogo que a Garitano lle custou moito atopar. O equipo perdeu desde ese punto de vista eficacia. Pero hai un selo que non se perde. O equipo compite. Sabe o que quere. Busca o seu obxectivo con empeño. O Dépor amosa unha coordinación e un equilibrio que o alonxan desa vulnerabilidade dos primeiros meses da competición. O Dépor xa non é tan brando.

O Dépor de xaneiro é menos Dépor, pero ten garra e trata de sobrepoñerse cando o marcador se pon costa arriba. Cando comezou a rodar o balón en Vitoria confirmouse que Ola John, xogador de banda esquerda, se incorpora ó equipo ata final de temporada. Se chega con gañas e boa forma podería ser unha excelente incorporación. Malia todo, vai ter o listón moi alto para facer olvidar Ryan Babel.

O Dépor de xaneiro é menos Dépor, pero ten garra e trata de sobrepoñerse cando o marcador se pon costa arriba

Non hai dúbida de que os branco e azuis loitaron polo pase da eliminatoria, pero e se Garitano xogara con Andone desde o comezo do encontro? E se Albentosa fose o parella de baile de Sidnei no centro da defensa? E se non canto de Mosquera Guilherme fose titular? Dá a sensación de que o equipo puidese obter mellor rendabilidade con estes homes. Con todo, Mosquera estivo moito mellor que nos partidos anteriores. O que non se entende son os despistes de Arribas. Nos dous partidos co Alavés tivo dous erros fatais. É Certo que o compensou logo co gol da igualada. Pero un xogador que pide máis minutos, que di que non se sente a gusto, nin valorado na situación actual, ocupando máis tempo no banco dos suplentes que no terreo de xogo, debía espremer ó máximo as oportunidades que dispón. Máis traballar, ben, e menos falar, que se di. Por riba, di que valoraría marcharse, incluso agora en xaneiro. Non son boas premisas. Vaia currículum o de Arribas no Dépor, tendo en conta a que se montou a temporada pasada con Luisinho e o capítulo fatal final con Víctor Sánchez del Amo.

Vaia currículum o de Arribas no Dépor, tendo en conta a que se montou a temporada pasada con Luisinho e o capítulo fatal final con Víctor Sánchez del Amo

As tres preguntas anteriores engado outra que me preocupa. Que pasa con Álex Bergantiños? Por que non está nin para unha convocatoria Que é o que non lle gusta a Garitano do canteirán deportivista? Álex é un xogador polivalente, que cumpre sempre en todas as facetas que se lle encomendan.

En si a eliminación, hai que lembrar que se desenvolveu sen derrotas en ningún dos dous partidos, non é ningún drama. Non é momento para chorar, nin lamentarse. Non estar na Copa tamén se pode ver como un peso menos na competición para afianzarse no verdadeiro obxectivo do Dépor: a permanencia na Primeira División. Pero tamén parece unha oportunidade perdida para dar un paso máis e desfrutar duns cuartos que quen sabe se terían un bo porvir. Parece claro que malia intentalo, ofrecerse para gañar en Vitoria, o equipo e Garitano puideron facer algo máis. 

Comentarios