Opinión

Derrota digna, final dantesco

Perder co Real Madrid? Tendo en conta a estatística da segunda volta, co Real Madrid xogándose o título, era previsible ter pouca esperanza. Por riba, Zidane saíu con todo o arsenal: a BBC e o resto do elenco. E Casemiro titular. O partido en si foi unha patética pachanga sobre o terreo de xogo, onde o Real Madrid de Zizou xogou un rondo co Dépor. Cos goles do Barça en Granada, acabouse a emoción. Emoción que na Coruña só durou sete minutos. Nos Cármenes polo menos aguantou a incertidume 22 minutos.

Máis que o encontro en si, preocupaba a previa do partido. As últimas 48 horas, antes do inicio do encontro, foron dunha total falta de profesionalidade e dunha grave irresponsabilidade compartida. Nunca se viu tal cousa. Non se pode escribir un final de guión peor. O final de temporada foi un esperpento. Dantesco. Propio da literatura valleinclanesca. Os protagonistas convertéronse en figuras absurdas. Impropias do prestixio e a historia da camiseta e o escudo que representan. Menos mal que o Dépor regresou de Vilarreal salvado. Do contrario, o Dépor estaría en Segunda División e comprometido económicamente, digan o que digan. O último partido de Riazor tiña que ser unha festa. Unha celebración. Porque a permanencia, agora, é un obxectivo digno de ser celebrado. Pero o derradeiro partido da temporada resultou ser un espectáculo frío, case invendible. Porque cando os teus se poñen pingando entre si, a que vas ir ó partido? Malia todo 29.000 persoas foron a Riazor. Enorme a afección como todo o ano. 

As últimas 48 horas, antes do inicio do encontro, foron dunha total falta de profesionalidade e dunha grave irresponsabilidade compartida. Nunca se viu tal cousa

Os xogadores despedíndose nas redes sociais, roldas de prensa incendiarias, xustificacións ofrecidas sen preguntas, pulsos ó consello de administración inadmisibles, leas de ego subido, pirómanos xogando a ser bombeiros e posta en marcha dun superventilador cheo de purín. En 110 anos de historia do equipo herculino, con vestiarios máis complicados ca este, con situacións máis complexas e esixencias e cotas maiores ca este, poboado de figuras mediáticas, non se vivira nada igual. Lembran o Dépor da ONU, con dez nacionalidades distintas? Pois aquel Dépor resultou menos conflitivo, ou polo menos, non se foi das mans de xeito tan evidente e á vista e na boca de todos.  

Esterco, esterco e máis esterco. Non se pode estrar máis porquería sobre o céspede de Riazor. Inxustificable. Penoso. Vergoñento. O vestiario, descomposto. Dividido. Tomando partido. En bandos. Axustando contas. Presentando as armas afiadas sobre un tapete propio de tafures. A temporada desde ese punto de vista foi un engano inadmisible. A desinformación brutal. Para logo tratar de acusar a prensa da culpa de todo. Non faltaron datos. Non houbo información desaxustada. Houbo engano. Ocultación. Covardía.

Esterco, esterco e máis esterco. Non se pode estrar máis porquería sobre o céspede de Riazor. Inxustificable. Penoso. Vergoñento

Con todos estes elementos, a pregunta é se se preparou un partido de fútbol ante o Real Madrid ou se preparou un plebiscito en Riazor. Houbo tensión e respecto pola competición ou se fixeron as maletas na xornada 37? Tiña que rematar a temporada así?     

O único que pareceu prepararse para o partido foi a homenaxe a Arsenio Iglesias. Un acto emotivo e xusto coa memoria colectiva e coa historia. Arsenio é un dos grandes persoeiros do club. Se fora inglés, sería o “sir" do Dépor. Pero aquí somos tan especiais que o convertemos no raposo de Arteixo. E a moita honra. En todo caso, homenaxear aos vivos e poñer as cousas no seu sitio é un exercicio tan necesario como oportuno. O acto en si, breve, intenso e moi emocionante. Chapó. Houbo máis espectáculo neses dez minutos do descanso, que nos noventa de partido. Mágoa que a exhibición de verdade da semana se dese fóra dos terreos de xogo e fóra do vestiario. 

O mellor para o Dépor é que a temporada rematou e que está salvado. Puido acabar todo nun fatal accidente. Pero por cuestións de calendario dos rivais -a derrota do Vilarreal en Liverpool un xoves de noite foi a clave da salvación- o equipo puido descender planeando, cos motores ardendo, unha aterraxe accidentada pero totalmente controlada.

Fin de traxecto con chegada a vía morta. Baixa o pano. Riazor xa espera un novo proxecto, con ou sen Víctor Sánchez del Amo, está por confirmar, pero sobre todo menos burlesco.
Derrota digna, final dantesco

Comentarios