Opinión

Derbi redondo

Brillante de principio a fin. Noite exemplar. Seareiros unidos. Himno de Galicia cantado ó son dunha soa voz


Brillante de principio a fin. Noite exemplar. Seareiros unidos. Himno de Galicia cantado ó son dunha soa voz. Estadio a rebentar. Lóxicas chacotas nas bancadas de ida e volta. Graciosas. Ocurrentes. Deportivas, as mais delas. E fútbol. Só fútbol.

Dicía Tino Fernández en campaña que aspiraba a que os derbis entre os galegos fosen como os dos vascos. Imos camiño diso. Exemplar. Fai falta que sexan así. A cordialidade compaxina moi ben coa educación, o respecto, a rivalidade deportiva e ben entendida. 

O cambio das directivas de Celta e Deportivo teñen moito que ver neste camiño, o cal debe ser aplaudido por todos. Así eran os derbis hai 80 anos. Pero non é só cousa de directivos. Sen seareiros non hai nada. E pode que nunha parte da afección, a noxenta e inútil morte de Jimmy hai xa case un ano en Madrid, tamén tivese algo que ver. Os Riazor Blues recibiron o apoio dos Celtarras asinando un comunicado, publicado na web dos deportivistas, no que se rexeitaba o gravísimo suceso de Madrid. Todo suma. Todos os xestos. Este, seguro que tamén.

No campo, cada un ao seu. Deportividade, salvo a leve tángana con Guidetti e Víctor Sánchez del Amo, cortada ó instante por Berizzo e os seus axudantes. Ata se puido ver como Jonny axudaba a Lucas Pérez retorcido de dor por unha cambra en pleno partido. 

Como se preza nun derbi, houbo entrega física, ocasións para infartar e sorpresa. 

O partido gañouno Víctor Sánchez del Amo antes de que o balón se puxese a rodar. Recuperou a Luisinho e a Álex Bergantiños para o equipo titular, sacrificando a Fayçal

Sorpresa porque o Celta, superior na táboa clasificatoria por ser, por exemplo, o mellor visitante da categoría, non puido en ningunha parcela decisiva có Dépor. O partido gañouno Víctor Sánchez del Amo antes de que o balón se puxese a rodar. Recuperou a Luisinho e a Álex Bergantiños para o equipo titular, sacrificando a Fayçal. Tácticamente, semellaba arriscado. Pero foi a chave do partido. Bloqueou ó Celta. No campo e no banco técnico. Os deportivistas cortaron o xogo de combinación, tan efectivo, normalmente, dos xogadores de Berizzo. A parella Mosquera - Álex Bergantiños resultou un seguro enorme. A defensa branco e azul fixo o propio, destacando Arribas.

As ocasións máis claras sempre foron para os da casa. Seguro que algo tiveron que ver os 30.666 seareiros que ateigaron o estadio. Presionaron, animaron, cantaron. Sentiuse o seu alento de principio a fin. Con iso tamén se xoga. 

Grande Lucas. Figura enorme deste novo Dépor. Sempre está. É a referencia. É o cerebro. Atento. Sempre coa cana preparada. Xogador con e sen balón. Entende en todo momento cal é o seu papel. E sempre decisivo. Na primeira rematando a faena de Álex Bergantiños, a piques de marcar. Na segunda para poñerlle o broche o encontro, presionando a Jonny o xustiño, cando estaba morto, para que propiciase o autogol celtiña. 

O derbi foi de cabo a rabo deportivista. Redondo. Inimaxinable. Quen sabe se se Lux non atallase o penalti a Nolito o partido puidera ser ben diferente. Pero o Poroto estaba aí. Nunha estirada calculada e fantástica as escasas ilusións celtiñas, se é que tiveron algunha durante os noventa minutos de xogo, quedaron alí soterradas.

Comentarios