Opinión

Dépor: o importante é empezar ben

Comezou a rodar o balón en Riazor. Non hai urxencia en saber cal vai ser o equipo definitivo que imos ver esta temporada. Entre otras cousas, porque isto do fútbol, co seu calendario precoz e arrítmico, que desnaturaliza este deporte baixo a ditadura da televisión, aínda deixa moitas incógnitas. Por iso, agora, non é o momento de esixir ó novo adestrador nada que non sexa comenzar ben o ano. Ata aí misión cumprida. E punto. Sen grandes alegrías. O Dépor solventou a cita sen ser exquisito, só co don da oportunidade, que non só é importante, é o importante. 

Levantou un encontro que revelou un aspecto preocupante: o balón parado. Herdanzas do pasado? Co Eibar, ata tres veces, o mesmo xogador e da mesma maneira fixo perigar a porta herculina. Logrou unha de tres. A defensa do balón parado semella desde xa unha asignatura pendente e que urxe reparar xa. Todos saben da importancia do balón parado. Non se poden, nin se deben, pasar apuros por non saber defender un saque de curruncho, sobre todo se esa xogada se repite constantentemente, porque a imaxe final que deixas é semellante a que non te sabes defender antes de que che fagan un xaque mate pailán, se a estratexia fose montada nun taboleiro de xadrez. E o Dépor non está para pailanadas.

Non se poden, nin se deben, pasar apuros por non saber defender un saque de curruncho, sobre todo se esa xogada se repite constantentemente

Garitano estivo ben na reacción. Mudou o equipo pechando mellor a defensa -con cinco homes, ás veces ata seis- ante os ataques armeros, e retocando as posicións dos arietes branco e azuis con máis intención, obrigados, claro está, pola necesidade de remontar. Pero con todo, despois dos trocos, os córners seguiron sendo defendidos coa mesma debilidade e inocencia. De aí que esa fisura necesite unha soldadura inmediata. A Garitano só pedirlle que sega a estela que marcou no Eibar: facer unha primeira volta de escándalo. Os deberes feitos canto antes. Iso pasa por un arranque pleno de bos resultados, aproveitando a onda do calendario máis paritario que, a priori, lle tocou aos deportivistas.

Por outra banda, como o ano pasado, o equipo depende dos goles, da eficacia, do estado de graza de Lucas. O coruñés resolveu o partido sendo tan necesario como demostrou cos 17 goles que asinou a temporada pasada. Polo ben do club que chegue xa o 1 de setembro e que todo siga como está: con Sidnei e Lucas no plantel. Dous piares para este equipo. 

Faltan moitas cousas por ver. Homes que non tiveron a oportunidade de vestirse de curto -Marlos Moreno- e algún outro que quedou no banco ser ter opción á remuda -Çolak- Pero o Dépor comezou ben. Gañando na casa, sumando 3 puntos e confirmando que este ano busca a salvación o máis rápido posible, e logo, xa se verá. E co máis importante: os seareiros deportivistas, que nunca fallan. Máis de 22.000 espectadores en pleno mes de agosto.

Comentarios