Opinión

Dépor: que alguén colla os controis

Imaxínanse a este Dépor con moita máis intensidade?

Imaxínanse a este Dépor con moita máis intensidade? A intensidade é cuestión de planificación ou cuestión de adestrador? E a concentración, de quen é responsabilidade?

Todos podemos estar de acordo que con máis intensidade e concentración o equipo de Víctor Fernández non tería a metade dos problemas que sofre. Pero, se é tan sinxelo, por que non se mudan estas sensacións?

O Dépor ten que deixar de estar subido nunha montaña rusa. Debe coller os controis da máquina e poñerse a dirixir o vagón para que non se esnafre.

Comezou a segunda volta, co equipo salvado polos pelos tras unha primeira volta moi frouxa e preocupante. Con moitas cousas por mellorar. Cos mesmos erros non se pode repetir a volta do calendario. Pero o Dépor, onte, deu unha marcha atrás, que devolve certa preocupación. 

Todos saben que a partir de agora comeza a hora da verdade e que non se pode estragar ningunha opción. Todos saben que isto vai moi en serio e que calquera descontrol te leva fóra do carril. 

A primeira media hora de Riazor, ante o Granada, un equipo da nova Liga do Dépor, foi sinxelamente moi preocupante. Nada estaba ben, nada. O gol de Piti foi absolutamente desconcertante, sobre todo, se temos en conta que a defensa semellara coller un punto de serenidade e seguridade. Pero, ó Dépor non lle debeu sentar ben madrugar, ou o sol, ou o almorzo. Sidnei e Luisihno deixaron só a Piti en zona letal. E Piti, que non é ningún torcebotas, marcou un golazo moi cedo. Co gol en contra rexurdiron problemas coñecidos. O equipo foi un flan. A defensa facía augas. Os xogadores descolocados, descompasados, sen acertar un pase. E todo isto na casa e contra o pechacancelas.

Co gol en contra rexurdiron problemas coñecidos. O equipo foi un flan. A defensa facía augas

Só Álex Bergantiños tivo lucidez, o auténtico protagonista do encontro. Fixo de todo, até sacar o balón desde a defensa, mandar, roubar, presionar, perseguir, pasar, asistir… Todo en un. Isto é normal? 

Bergantiños debeu caer na marmita de Panoramix xa que gracias ao xogador coruñés, o Dépor puido recompoñerse dun desastre seguro. Deu a asistencia no gol de José Rodríguez e puxo a cabeza en cada acción do partido. Tamén lle puxo fe e corazón Lucas Pérez, que por estar no seu sitio obtivo o seu premio co gol da remontada.    

Pero a estas alturas pídese xa moito máis. Fundamental a concentración. Esencial a intensidade de cada un dos xogadores. E cabeza, moita cabeza.

 A Fariña fáltanlle tres balóns de ouro, polo menos, para ser como Cristiano Ronaldo á hora de repartir labazadas

Non se pode entender tampouco a arroutada de Luis Fariña cando só levaba quince minutos sobre o terreo de xogo. A Fariña fáltanlle tres balóns de ouro, polo menos, para ser como Cristiano Ronaldo á hora de repartir labazadas. O arxentino é unha peza importante para o xogo de Víctor Fernández e accións como a de onte cando o partido remataba son inxustificables. A sanción halle poñer a cabeza a arrefriar.

Os dous goles contra o Granada fíxoos o Dépor por intensidade, por estar encima do rival, roubando o balón, e acertando despois coa condución. Esa intensidade é a que tanto se pide, a que tanto se bota en falta en cada partido. Esas ganas que a bancada lle reclama a berros, unha e outra vez cando o equipo se move coa marcha corta, son as que encrespan os afeccionados. Até cando vai seguir faltando? Até cando vai faltar tamén a concentración?

Pois tomen nota. Próximos rivais, Raio, en Madrid, e Eibar, en Riazor. Dous equipos aos que sen intensidade e concentración é misión imposible gañar. 

Víctor, xa tes traballo abondo!

Comentarios