Opinión

Cambio? U-lo?

Non é un tema menor. É o tema central do Deportivo arestora porque é un serio problema e a confirmación dunha nefasta xestión deportiva. O asunto da portería do equipo coruñés é capital porque é unha das posicións que mellor deben estar cubertas nun equipo. E sobre todo, é importante, porque se pense o que se pense, o cadro herculino é un equipo que ten unha misión: salvarse do descenso. Un equipo que loita por non descender non é un equipo que se vaia caracterizar por ser un cadro netamente ofensivo, senón que será un equipo que deba estar preparado para rexeitar ou repeler todos os ataques que reciba co maior índice de acerto posible. 

No Deportivo, o índice de paradas é nulo. De feito, estraña que os equipos que xogan co Deportivo tiren tan pouco a porta. Case é de agradecer que non o fagan. Pero e que ninguén ve que Tytoń e Pantilimon, Pantilimon e Tytoń teñen unhas mans brandísimas ou que collen o balón con medo, cando o collen?

Pregúntome moitísimas veces cómo é posible que Romanía e Polonia teñan estes dous porteiros nas súas convocatorias e que mesmo xoguen. Seguro que non os hai mellores?

Sinto moito dicilo, e dicilo así de crú, pero o Deportivo ten a peor portería dá Primeira División. Tanto ten que a secretaría técnica se escude na internacionalidade dos dous gardaredes. Está claro que ese baremo é un criterio absolutamente descartable á hora de contratar. Velaí a mostra.

Sinto moito dicilo, e dicilo así de crú, pero o Deportivo ten a peor portería dá Primeira División.

 

Porque calquera mellora que se pretenda presentar sobre o xogo do Deportivo é invendible ante a torpeza e inoperancia dos porteiros actuais. Ante o Atlético, os herculinos mereceron sumar un punto, seguro, traballaron para unha mellor faena, pero Pantalimon tirou o escaso peixe que levaban os deportivistas para a lonxa.

O Deportivo non é un equipo fiable porque ten un coador furado baixo os tres paus. Parece urxente o regreso de Rubén e mentres Rubén non volva é una temeridade seguir con Pantilimon ou Tytoń. De feito, é o gran nubarrón de Cristóbal Parralo que puido continuar co servizo de bandexa que fixo o seu predecesor, Pepe Mel, que xa se deu de conta que cos dous internacionais non ía a ningures. A Parralo no asunto da portería estálle a faltar valentía. Como se ten que tirar de Álex Cobo. Pantilimon e Tytoń tiñan que estar xa descontados para ser titulares. 

Quen ten traballo nesta polémica é a secretaría técnica xa que é imprescindible conseguir que os dous gardametas saian do club urxentemente e posibiliten a entrada dun porteiro de verdade, con ou sen Rubén recuperado durante o mercado de inverno.

A Parralo non lle interesa entrar neste debate e trata de desviar a atención sobre o gravísimo problema da portería, pero será un tema que o vai perseguir se continúa a estragar calquera avance que poida conseguir insistindo con Pantilimon ou Tytoń.    

Sidnei comete unha gravísima torpeza cando o partido xa estaba a punto de liquidarse co empate a cero

 

Da derrota do Dépor ante o Atlético tampouco se pode escapar da crítica Sidnei. O brasileiro do que calquera lembranza pasada foi mellor, comete unha gravísima torpeza cando o partido xa estaba a punto de liquidarse co empate a cero. A falta cometida diante da frontal ante un equipo do potencial do Atlético de Madrid é un erro inexplicable nun futbolista das características de Sidnei. Foi ademais unha falta que non se pode discutir. A contundente acción de Sidnei sobraba nese último minuto de partido e, sobre todo, no punto onde foi cometida a infración. Intolerable na experiencia do central que debe ter frialdade e outro tipo de recursos para impedir que o dianteiro remate a xogada. Ademais o xogador do Atlético chegaba xa desestabilizado, polo que só con estorbalo semellaba máis que suficiente. 

Logo xa se viu o que se viu. Un porteiro facendo unha fermosa estatua. Digna de ser exposta no corredor central da Cidade da Cultura, que vai necesitando material de exposición con sinatura de autor.  

O Atlético tirou dúas veces a porta. Antes do gol, o anterior disparo foi un preludio do que podía vir. O equipo de Simeone non lle fixo cóxegas o Dépor en todo o partido, por iso, o resultado final é un desastre. A conclusión é que con ben pouco se lle pode pegar un soprido mortal ao Dépor. Case sen esforzo lle birlaron os puntos. 

Din que anda a parroquia leda porque Parralo xa conseguiu dar coa tecla e que mellorou a imaxe do equipo. Parralo está a tirar dos mesmos homes que tiraba Mel coa diferenza de que Cartabia e Bakkali xogan máis abertos, pegados á banda, e colocando Fede Valverde no seu sitio natural. É certo que o Deportivo aumentou a súa produción en ataque, pero vólvese case inútil porque os dous extremos pecan dunha gravísima insolidariedade. Para que está Lucas? Ninguén lle pasa un balón. Non se pode achacar a Lucas Pérez que ande mal de forma física. Non o creo. Non o vexo. O que si se ve é que para xogar así é mellor deixar Lucas e Andone no banco de suplentes. Se non traballan para Lucas para que xustificar a presenza do punta branco e azul? Parralo ten que traballar con Bakkali a súa obsesión por rematar todas as xogadas, cando ten compañeiros esperando en mellor posición. Xogando así semella que é un chupón, o que non se pode permitir nun equipo profesional. O problema do Deportivo non é Lucas nin é Andone. O problema segue a ser cómo xogar para levar ou enviar o coiro onde deben estar os rematadores para finalizar as xogadas con eficacia real. 

Polo tanto, nada do que aledarse, de momento.

Comentarios