Opinión

Bufido a bufido, que empate!

Pasei case todo o partido do Deportivo en Eibar bufando. Buff, con que intensidade xoga o Eibar. Ufff que pouco lle dura o balón ao Dépor nos pés. Uiii que ocasión do Eibar. Buuuufff cantas veces chegan os eibarreses á porta de Manu. Uiuiuiui que frouxiña está a defensa herculina. Aiaiaiai onde está o centro do campo branco e azul? E así gran parte do partido. Na segunda parte baixou a intensidade dos bufidos porque o Dépor fixo un partido un pouco diferente, cun pouco máis de intención. Con tanto bufar, lembreime de que un tempo atrás outros eran os que bufaban, colaboradores de Víctor Sánchez del Amo, cando os xornalistas preguntaban nas roldas de prensa por algún desaxuste do equipo. Os bufidos van por barrios. E por algo son. Sobre todo os de agora.  

Houbo momentos do Eibar-Dépor nos que pareceu que o equipo era un trapo. Roto. Baixo. Sen alma. A pregunta que un se repetía unha e outra vez era, pero quen se está xogando algo neste partido? Porque  o equipo de Mendilibar xa estaba salvado e semellaba que loitaban por un posto de cotas maiores ás dos xogadores herculinos.

Houbo momentos do Eibar-Dépor nos que pareceu que o equipo era un trapo. Roto. Baixo. Sen alma.

O cholismo, o partido a partido, é un movemento que pode estar moi ben cando se traduce en vitorias. Procurar ir de tres en tres puntos ese é o obxectivo do partido a partido. Pero a teoría do arxentino non pode ser reteorizada cun inquietante punto a punto cada partido. Ó Dépor vaiselle conxelar o sangue de tanta frialdade. E acabará botando os seareiros do campo de seguir botándolle xeo. Porque isto do fútbol vai de como gañar un partido, non de como empatalo. Nalgún caso, podería ser de como non perdelo. O Deportivo xa ten unha nova marca. O equipo que máis empates logrou da historia nunha tempada en Primeira División. Co desta fin de semana, dezaoito. Un rexistro que non é para presumir. Sobre todo se miramos a xeira dos últimos 19 partidos -unha volta enteira- cunha soa vitoria, 10 empates e 8 derrotas, case tantas como empates. 

Gracias a Fede Cartabia un xogador con más intención ofensiva, con máis sangue no corpo, con outro espírito intentou a arreóns buscar a portería rival. Esas intencións lograron un gol que pode certitifcar a continuidade do equipo en Primeira División. Foi o único con certo protagonismo positivo no terreo de xogo. O Levante e o Dépor son os dous equipos con menos partidos gañados da Primeira División en toda a temporada. Imos comezar o mes de maio, e o equipo de Víctor só gañou un partido en 2016.  

O Levante e o Dépor son os dous equipos con menos partidos gañados da Primeira División en toda a temporada

O punto, un bo punto no matemático, é o único positivo que se rescata do último partido dos herculinos. Pero resulta que os seareiros non van o fútbol para repasar o Teorema de Pitágoras, ou calcular o logaritmo neperiano de 0, que dito sexa de paso é 1, “un” de valor do empate. O fútbol é outra cousa. No entorno técnico dise que todo se ve nun clima negativo, que na Coruña só se olla para o equipo coa óptica do vaso medio baleiro. Pero non. Non é así. Para ver as cousas doutro xeito hai que transmitir empatía. Ese é outro coñecemento tan importante como o dos números. Sen empatía non hai conexión, non hai sentimento. E o Dépor é un sentimento. Iso tamén hai que aprendelo e saber transmitilo. 

Hai moito que traballar para o próximo partido ante o Xetafe en Riazor. Se cambia, con outra actitude, con outro plantexamento, con outras ganas, con outra intencionalidade, con outra intensidade, con outro sentimento entón podería haber unha valoración máis positiva.

Se seguen pola vía da frialdade o resumo do partido é. Un punto. Felicidades. Grazas…, grazas a deus.     

Comentarios