Opinión

Eilis Lacey e os adeuses da emigración irlandesa

Fai uns días emitiuse na televisión a película Brooklyn, do director irlandés John Crowley. Unha película baseada na novela do seu compatriota e escritor Colm Tóibín, e que foi estreada no 2015 e seleccionada para varios premios Óscar, Globos d´Ouro e gañadora dun premio BAFTA. A trama, como o título do artigo, trata dos adeuses da emigración irlandesa, tan semellante e á vez tan distinta da experiencia da emigración galega en América. O filme segue a vida da súa moza protagonista, Eilis Lacey, quen deixa o seu pobo natal de Wexford (Irlanda) en 1951 para poñer rumbo á cidade de Nova York. Unha cidade que daquela, como se representa na película, estaba chea de oportunidades e futuro nun mundo que saía da posguerra da Segunda Guerra Mundial pisando no acelerador do consumo de masas.

Dende ese punto de partida, na longametraxe podemos atoparnos lugares comúns da emigración, características e mesmo escenas de actualidade sobre as enfermidades infecciosas e corentenas ás que se vían sometidas as persoas emigrantes que chegaban a Ellis Island. Porén, e máis alá diso, na película destaca o enorme peso que tiñan as mulleres na emigración irlandesa, se a comparamos coa emigración galega, moito máis masculinizada en comparativa. De feito, algo característico que se ve na película eran as casas de acollida para mulleres en Nova York. Lugares que funcionaban como ponte entre comunidades de orixe e chegada da emigración irlandesa e que adoitaban estar fortemente controladas pola figura dos curas católicos nos Estados Unidos. De mellor ou peor forma, percíbese ben o que se quere explicar co personaxe dese cura maila dona da casa de acollida. É dicir, as dúas facianas da emigración. Por unha parte, o aspecto liberador e de futuro procurando traballo no lugar de destino, estudos e canle de comunicación co lugar de orixe e, por outra banda, o control social asfixiante que marcaban sobre a moralidade e conducta das mulleres. Esas comunidades, de feito, son quizais a segunda cuestión interesante do propio filme, onde se mesturan os tópicos dun barrio de Brooklyn inzado de italianos e irlandeses e onde tamén, ao marxe da película, espallábase de forma especial a emigración galega en Nova York. No filme represéntase moi ben as diferenzas entre esas comunidades, e identifícanse algúns dos elementos que as conformaban. Refírome a elementos moi importantes de auto-referencia que resultaban vitais para a supervivencia desas mulleres e homes en contextos de tanta incerteza. Refírome por exemplo ao folclore, a música, os deportes, ou mesmo á gastronomía que servía para lembrarlles aos emigrados a promesa dun retorno que no caso irlandés, e aquí vai outra comparativa, truncábase máis a miúdo que no caso galego, onde a volta á casa era moito máis común por parte dos que facían fortuna.

En definitiva, unha película sobre os adeuses da emigración irlandesa e as representacións sociais da mesma. Sobre as tensións da comunidade e os individuos e sobre a importancia da identidade. Unha historia que vos recomendo ver ou ler, dependendo do formato que escollades, nestes tempos de confinamento.

Comentarios