Opinión

Unha de dúas, DUI ou diálogo?

Perante a situación que se ten dado en Catalunya, hoxe comeza unha semana clave, ben na resolución, ou ben no enquistamento da situación, que xa ten pasado a ser un conflito político sen precedentes nas últimas décadas. Sen precedentes pola actitude cívica, pacífica e mesmo solidaria da poboación catalá e por todo o contrario por parte do goberno de Rajoy e de Felipe VI. Son moitas xa as imaxes icónicas que nos ten regalado para a historia este conflito. A normalidade con que rojigualdas e senyeras saíron á rúa a defender a súa democracia e a pedir máis democracia aínda. A emoción coa que as persoas que se achegaron a votar o pasado 1 de outubro exerceron un dos dereitos máis elementais do ser humano, o da liberdade de expresión e o sufraxio activo e pasivo...

Nos últimos días vivimos inmersas nunha batalla mediática por ver quen mentiu máis, quen fixo a mellor interpretación teatral, ou quen foi responsable -a culpabilidade déixolla ás cuestións eclesiásticas- de non deixar durmir a algún grupo de policías que tiveron sorte de ter un hotel, mentres uns cantos miles seguen durmindo con Piolín e as súas amizades.

Así pois, chegadas a este punto, só queda unha de dúas. A cousa está entre DUI e represión, ou diálogo e entendemento. Estamos nesa dicotomía grazas ás decisións de responsables políticos dun e doutro lado. Si, non é cuestión de equidistancia, agora que está tan manida, é cuestión dun intento de obxectivar a miña opinión ao respecto, sempre dende a miña posición de defensa da democracia e do dereito á libre determinación das persoas e dos pobos. 

Non é cuestión de equidistancia, agora que está tan manida, é cuestión dun intento de obxectivar a miña opinión ao respecto

 

Entón... por que responsabilidade nos dous lados? Pois porque do lado do Estado xa temos visto a posición da (ultra)dereita e da antiga esquerda. Corenta anos de franquismo mediante, e outros corenta de reforma franquista, foron suficientes para que una grande y libre siga presente no ideario. Aínda por riba normalizado dun xeito tal que ata existen concertos a coro dos seus grandes éxitos en prazas públicas. A antiga esquerda socialdemócrata xa hai moito que perdeu o seu norte, de esquerda xa lle queda pouco malia a interpretación sanchista da revolución contra os poderes dominantes. Sempre foi parte deles, dende cando asistía aos consellos de administración da antiga Caja Madrid. O do federalismo xa sabemos por onde vai, hai quen dentro dese barco xa está a pedir a intervención do exército incluso, o da OTAN fixo estragos en certa parte desa esquerda... 

E polo outro lado? Pois na outra beira, toda a intelixencia amosada ata o día do referendo, quedou reducida a pequenos acertos puntuais, mais sumida nunha serie de decisións contraproducentes para si mesmos. Ninguén dubida da vitoria do “si” no referendo, mais ninguén pode dubidar da certa perda de lexitimidade cando miles de votos non se poden contabilizar. Tamén, o feito de aprobar as leis que habilitaban a execución do propio referendo sen chegar a maiorías cualificadas ou vetando posibles emendas, que por certo, coa súa propia maioría poderían bloquear se for o caso. 

Ninguén dubida da vitoria do “si” no referendo, mais ninguén pode dubidar da certa perda de lexitimidade cando miles de votos non se poden contabilizar

 

Coido que coa reacción do Estado a base de balazos de goma prohibidos, patadas voadoras e paos, a convocatoria dunhas novas eleccións catalás sería un novo paso adiante. En primeiro lugar, da propia democracia, para recompoñer os espazos en base ao visto e o vivido por millóns de persoas na rúa o 1 de outubro, que terá as súas consecuencias nas urnas sen dúbida. En segundo lugar, para o soberanismo, pois na batalla entre democracia e represión, estaba co bando gañador, o da democracia, que sen dúbida quedaría reflectido nunhas novas eleccións. Isto implicaría seguir sumando masa social xa non pola democracia, senón pola independencia, e achegarse no Parlament á maioría cualificada de 90 escanos. 

Agora a situación é outra, con xente que non tiña pensado votar que si que cambiou a súa opinión tralo trato recibido por parte do Estado, pois ante todo o que queren é democracia; mais á vez entenden que a lexitimidade dunha declaración unilateral de independencia non é a suficiente hoxe por hoxe por como se ten dado o proceso ata chegar a ela.

E que queda no medio? Pois no medio queda outra esquerda que podería ter tido un papel clave en todo este proceso dende hai semanas ou incluso meses, máis que nin soubo nin quixo, que é o peor. Unha esquerda española que xoga ao cálculo electoral ante practicamente calquera posicionamento de calado. Unha esquerda que chegou tarde, mal e a rastro para convocar a diferentes forzas políticas que amosaran un verdadeiro interese no diálogo sincero e sen poñer trabas previamente.

No medio queda outra esquerda que podería ter tido un papel clave en todo este proceso dende hai semanas ou incluso meses, máis que nin soubo nin quixo, que é o peor

 

Con todo, igual desta os tempos son chegados, pois a min sempre me explicaron que dúas persoas non poden falar se unha non quere. Así que, unha de dúas, ou DUI e rachar cos oitenta anos de franquismo e reforma franquista, ou nada, porque hai unha parte que non quere dialogar, nin por activa, nin por pasiva, nin en diferido. 

Ou DUI e rachar cos oitenta anos de franquismo e reforma franquista, ou nada, porque hai unha parte que non quere dialogar, nin por activa, nin por pasiva

 

Na nosa man está a posibilidade de seguir presionando para que exista unha terceira opción, ante a irresponsabilidade do goberno de Rajoy, e ante a maior irresponsabilidade aínda de Felipe VI, temos nós a responsabilidade de esixir máis e mellor democracia a partir dun diálogo construtivo. Non é imposible, no seu día dialogaron con ETA, por que non dialogar con demócratas? 

Comentarios