Opinión

Poema do abanico, pola utilidade da beleza

O fan of white silk,
clear as frost on the grass-blade
You also are laid aside

Ó abanico de seda branca,
claro como a xeada na folla de herba
Agora ti tamén desbotado

Ezra Pound, autor do poema, diagnosticou a separación entre a poesía e a música como un síntoma de decadencia. Lawrence Felinghetti confirmouno: "Todo isto aplauden os profesores de poesía e os críticos de poesía en todos os mellores lugares, ningún dos cales cometerá o pecado orixinal de dicir que a poesía de algúns poetas é prosa con tipografía de poesía -igual que os amigos do poeta nunca llo dirán, igual que os editores do poeta nunca llo dirán- é a máis idiota conspiración de silencio na historia das letras". O editor beat non fixo concesións: "A meirande parte da poesía moderna é prosa poética (...) é a poesía perfecta para o home tecnocrático".

As últimas Receitas de inverno desde a comunidade, primeiro libro tralo Nobel de Louise Glülk, semellan prosa poética entretecida deste xeito. Glülk fálanos de lembranzas íntimas, enxertos novos en tempos familiares e desaparecidos. Costa entrar en calor cos encantamentos da Raíña das Neves que é Glülk. Este inverno embozado mantén a cidade sen alegría e, sen contacto evitamos a beleza; como avisaba George Russell: "Un dos primeiros síntomas da perda da alma é a perda do sentido da beleza".

Precisamos ler tres ensaios escritos por Kathleen Raine reunidos baixo o título, Utilidade da beleza. Cada inverno resulta máis complexo quecer. Sorte que atopamos un libriño vermello que lembra que a función da poesía hoxe continúa a ser a mesma que na Antigüidade: lembrar a orde innata e obrigarnos a experimentar a beleza.

Raine alértanos dos límites e deformidades que impón a mirada positivista e cuantitativista que sostén o feo e o vulgar. Este modo inerte de mirar insensibilízanos e, cando xa non sentimos e non pensamos, aforramos a anguria de vivir.  A poeta avisounos: "Admitámolo, a nosa sociedade no seu conxunto elixiu a morte: morte en doses pequenas e indoloras. Amásanse fortunas coa súa venda".

En sintonía co pensamento de Raine, a nosa época exalta a materia e nega o espírito, somos incapaces de distinguir o sentido da forma e da beleza nos obxectos naturais, sufrimos a desintegración da forma. Evitamos a experiencia da beleza porque perturba a nosa apatía natural. Vivimos engurrados rexeitando a experiencia dolorosa da beleza por dolorosa cando a enfrontamos nun mundo en alta disonancia coa súa orde.

Para Kathleen Raine, estudosa da obra de William Blake, a forma lírica é a encarnación suprema da beleza transmitida a través de palabras comúns alquimizadas polo canto. A poesía é unha vía para enfrontar a beleza cando afogamos no actual naufraxio das mentiras. É urxente desbotar a dieta diaria de propaganda e censura, rexeitar a fealdade que nos conmociona e ler poesía urxentemente pola utilidade da beleza que nos arreda da distorsión.

*

Receitas poéticas para quecer o corazón conxelado: 
-    A poesía como arte insurxente de Lawrence Ferlinguetti (Rodolfo e Priscila). Tradución Daniel Salgado
-    Receitas de inverno desde a comunidade (Chán da Pólvora, Colección O Río). Tradución Samuel Solleiro.
-    Utilidad de la Belleza, de Kathleen Raine (Vaso Roto Cardinales). Tradución Natalia Carbajosa.

Comentarios