Opinión

Montale, incandescente

Feitizo
Oh quédate pecha e libre na illa
do teu pensamento e do meu,
na chama lixeira que te envolve
e que non coñecía denantes
de atopar a Diotima,
a que tanto se che asemellaba!
Nela vibra moi forte a amorosa chicharra
sobre a cerdeira do teu xardín.
´O redor o mundo esvece; encandescida,
na lava que transporta a Galilea
o teu profano, agardas a hora
de erguer aquel velo que un día
te prometera ó teu Deus.


Uxío Novoneyra – Xau Varela - Portas de Orduña

En 1896, Eugenio Montale, membro dunha unha familia acomodada, nace en Xénova o 12 de outubro. Pasa a infancia na costa ligur. Deixa de estudar por problemas de saúde e cando retoma a súa formación académica, estuda musica. Barítono ben dotado, abandona o canto cando falece o seu mestre. Moi novo participa na I Guerra Mundial.

1925. Publica Ossi di seppia (Osos de xiba), primeira entrega poética onde a palabra hermética, marítima e musical apreixa a paisaxe ligur. Montale, neses anos moi interesado polos poetas ligures, ten a Dante e Hölderlin como paradigmas de referencia e recoñece unha pertenza: «Hai unha corrente da poesía non realista, non romántica, nin sequera estritamente decadente, que dalgún modo pode chamarse metafísica. Eu nacín nese rego».

Trasládase a Florencia e traballa para a editorial Bemporad. Asina o manifesto antifascista impulsado por Benetto Croce.

1927. Coñece a Drusilla Tanzi coa que convive entre 1939 e 1963, ano do facelecemento dela.

1929. Nomeado director do Gabinete Vieusseux, institución florentina de gran prestixio da que foi cesado nove anos despois polo goberno fascista. Traduce os poemas de Eliot.

1933. Coñece a poeta, daquela estudante, Irma Brandeis coa que mantén unha relación ata 1938.

1939. Publica Le occasioni (As ocasións) que define como «unha laranxa ou un limón que lle faltaba un gallo: non precisamente o da poesía pura, senón o do pedal da música profunda, e da contemplación».

Para Montale é inútil escribir unha serie cando un só poema esgota unha situación psicolóxica determinada e, ademais, distingue que non se exercita: «Non vou trala poesía, agardo a que me visite. Escribo pouco, con poucos retoques, cando semella imprescindible».

1943. Publica Finisterre: «Trátase de poucos poemas, nados no pesadelo dos anos 1940 e 1942, quizabes os máis libres que teña escrito, (un libro) moi relacionado co tema central de As ocasións».

Durante a Segunda Gran Guerra ampara na súa casa a escritores perseguidos como Carlo Levi e Umberto Saba.

1948. No Quaderno di traduzioni recolle as traducións de grandes autores ingleses, casteláns e franceses.

1950. Traballa como redactor e crítico musical para o xornal Corriere della Sera de Milán.

1956. La bufera e altro (A tormenta e máis) constitúe unha mutación na imaxinación poética coma forza visionaria, oposta e temporal contra a presenza constante do mal.

O poema que reproducimos, Incantesimo, pertence a 37 poemas, antoloxía de Montale publicada por Hiperión en colaboración co Departamento de Filoloxía Italiana da Universidade Complutense de Madrid. Co gallo do centenario do seu nacemento no ano 1996, implicaron tantos poetas como poemas de Montale verquidos a distintas linguas do estado, entre elas/eles atopamos a Clara Janés, Jon Juaristi, Jorge Guillén, Ana Rossetti, Valente, Novoneyra...

1966. Publica Xenia, unha colección de poemas-obsequio á muller morta. O amor para Eugenio Montale é a experiencia máxima de rescate fronte ó mal de vivir.

1971. Publica un «libro denso, acre e difícil», Satura. Nun poema sobre A morte de Deus comeza: «Todas as relixións do Deus único / son o mesmo: varían os cociñeiros e as coccións».

1973. Diario do '71 e do '72. No poema Para rematar deixa por escrito un desexo para que os seus herdeiros literarios prendan, chegado o intre, unha fermosa fogata con todo o relacionado coa súa vida, e remata: «Vivín ó cinco por cento, non aumenten / En troques, moi a miúdo, chove / sobre mollado».

1975. Acada o Premio Nobel que coincide coa publicación da compilación de textos Sobre la poesía.

1977. Quaderno do quattro inclúe un poema autorretrato onde manifesta: «Na poesía / o que conta non é o contido / senón a Forma».

1981. Morre o 12 de setembro en Milán. Tras sete anos sae do prelo Diario Póstumo con poemas inéditos.

Comentarios