Opinión

James Sacré. Labrego coma cinco veces

Todo o mundo coñece os sorrisos do tempo

Ao cabo da mañá, por exemplo, unha ameixeira

Contra unha parede esborrallada, ortigas;

Alguén traballa na súa horta, o seu apeiro

Dá nunha pedra o ruído

Óese moito tempo, outra cor do azul treme

Entre os morangueiros en flor, arboriñas cultivadas,

Algunhas casas non moi lonxe; alá ven

Que imos comer.

O intre da sesta no verán

Pon o silencio en sitios

Algo afastados (carretas con brazos na herba, algúns olmeiros vellos).

Alguén dorme máis de tódolos xeitos oe

Un animal que rebule, o ruído do tempo.

A barba da súa meixela parécese

A esparceta que cheira ben. ¡Que azul é o verán!

As mulleres van durmir aos cuartos.

Non moito tempo, case asemede xa están aí outra vez.

Para seguir con algunha angueira, un cesto con verzas,

Despois no fregadeiro, botellas (augardente con auga e azucre, café floxo)

Que preparan para levar aos eidos.

A súa actividade case silandeira

Mestura a sombra da casa coa cor do verán;

¿Escoitamos se están atentas

Ou se o traballo as desacouga?

Nas horas de traballo difícil, un xeito de avantar sen fin

(As remolachas que apañamos, xesto coas dúas mans)

¡Vai moito frío!

¿A orballeira que teima vai caer con máis forza? Iriámonos…

Máis o mesmo gris continua, o traballo tamén

Se vai vir axiña a noite preguntámonos.

Esa especie de melancolía resignada nesta leira de remolacha

É algo así como escribir vagarosamente deica mañá,

Ou facer calquera outra cousa. Como acontece

Cun zapato que te manca por mor

Dunha frieira no corazón, desde hai moito tempo.

James Sacré

1939. Nace o 17 de maio en Cougou (Vendée) no oeste de Francia onde pasa a súa infancia e mocidade na granxa familiar. Comeza a traballar coma mestre.

1965. Emigra aos Estados Unidos onde ensina literatura francesa en diferentes universidades, entre elas a de Massachusetts. Viaxa por Europa, sobre todo Italia, e por Marrocos.

James Sacré é un autor tan prolífico que non temos espazo suficiente nesta páxina para recoller unha escolma da súa obra poética e ensaística. O seu interese pola oralidade, a fala popular e a pertenza ao lugar; potencia unha escrita coma arte de vivir, coma pracer íntimo (Lorand Gaspar) sostido nunha simboloxía feita polos homes (Jacky Borillon). Sacré escribe unha poesía excéntrica (Paol Keineg) conectada coa Terra. Durante a súa estadía en Galicia coñeceu e escribiu sobre os entroidos galegos e a Costa da Morte.

1999. A editorial Noitearenga, coa tradución de Emilio Araúxo, publica Labrego coma (cinco veces). A edición orixinal editouna o "Collectif GENERATION" en 1989 cunha tiraxe de vinte exemplares ilustrados por Jane Hammond. Despois publicouse nunha antoloxía, La Vendeé, voilá, nas Éditions du dé bleu, en Vendeé, 1990.

O fragmento do poema que reproducimos é o que pecha o libro.

2001. Retorna a Francia e fixa a súa residencia en Montpellier.

2005. O número dez da revista Amastra-N-Gallar publica un monográfico dedicado a James Sacré. Asinan as colaboracións en francés: Béatrice Bonhomme, Jacky Bouillon, Antoine Emaz, Laurent Fourcault, Lorand Gaspar, Slaheddine Haddad, Jacques Josse, Paol Keineg, Régis Lefort, Béatrice Machet, Serge Martin, Jean-Claude Pinson, Claude Royet-Journoud e Tarta Cristiana. Atopamos só unha colaboración escrita en galego por Celso Fernández Sanmartín. No texto recupera unha experiencia de convivencia entre maiores e nenos de Lalín na que pintaron uns debuxos que lle dedicaron ao poeta. Sacré escribiu 21 poemas sobre os debuxos durante unha estadía en Galicia na que coñeceu de primeira man os entroidos máis curados de Galicia.

Comentarios