martes 02/03/21

O intre de Kathleen Raine

Para escribir todo o que conteño neste intre
vertería o deserto a través dun reloxo de area,
o mar a través dunha clepsidra,
gota a gota e gran a gran
ós incalculables, cambiantes altos mares e areas.

Porque os días e as noites da terra baten en min
as mareas e as areas atravésanme,
e eu só teño dúas mans e un corazón para reter o deserto e o mar.

Se fuxe e me evita, que podo conter?
As mareas arrédanme
o deserto esvara baixo os meus pés.


To write down all I contain at this moment
I would pour the desert through an hour-glass,
The sea through a water-clock,
Grain by grain and drop by drop
Let in the trackless, measureless, mutable seas and sands.

For earth’s days and nights are breaking over me
The tides and sands are running through me,
And I have only two hands and a heart to hold the desert and the sea.
What can I contain of it? It escapes and eludes me
The tides wash me away
The desert shifts under my feet.

1946

1908. Kathleen Raine nace o 14 de xuño en Ilford, un suburbio da cidade de Londres. Filla única do profesor e pastor metodista George Raine e de Jessie Wilkie. A nai escocesa trasmítelle o amor pola poesía e as cancións populares da súa terra.

Durante a Primeira Guerra Mundial, por mor da inseguridade, residiu durante uns anos coa súa tía na aldea fronteiriza de Bavington, Northumberland. A estadía feliz neste lugar, lonxe do feo suburbio e dunha ríxida educación relixiosa paterna, marcou a súa vocación coma poeta da natureza. De volta en Ilford estuda no County High School, logo cursa ciencias naturais con bolsas de estudos no Girton College de Cambridge onde se gradua no ano 1929.

1930. Casa Hugo Sykes Denavis, posteriormente ten dous fillos co poeta e sociólogo Charles Magde. Inicia outras relacións, a última co escritor irlandés Gavin Maxwell ata ata a súa morte en 1969. Sobre o seu último amor escribiu un réquiem, Nunha beira deserta (On a Deserted Shore) que publicou no ano 1973.

1943. Publica o primeiro dos seus 15 libros de poesía, Pedra e Flor (Stone And Flower). Segundo Gómez Tomé, Kathleen Raine, posuidora dunha voz prendada da imaxinación, desligouse progresivamente de referencias biográficas na súa escrita, tornouse profética e universal, arredada de modo consciente das tendencias poéticas do século XX.

1968. Publica a súa entrega en prosa máis valorada, Blake and Tradition, nela estuda o sentido simbólico e místico da poesía de William Blake.

1974. Publica Adeus felices campos (Farewell Happy Fields), primeiro volume das súas memorias (Autobiographies) que publicou completas no ano 1991.

1991. Funda The Temenos Academy of Integral Studies, unha institución cultural especializada na poesía e na súa relación con Platón, o neoplatonismo, o misticismo e a tradición hermética. Dez anos antes fundara a revista Temenos xunto a Keith Critchlow, Brian Keeble e Philip Sherrard.

2000. Publica a súa poesía completa,The Collected Poems of Kathleen Raine e recibe a Orde das Artes e Letras de Francia. A poeta traballou case sempre fóra do ámbito académico, agás durante curtas tempadas como docente en Cambrige e Harvard. O seu labor esencialmente libre foi amplamente recoñecido en vida. Obtivo a Orde do Imperio Británico, honores doctorais das universidades de Leicester, Durham e Caen e abondosos premios como a Medalla de Ouro da Raíña de Poesía e o Premio Cholmondeley.

2003. Falece en Londres o 7 de xullo.

comentarios