Opinión

A falta dun Edén, a terra

1.— A Ribeira Sacra
Mercedes Martínez Modroño escribe sobre o territorio que habita: "este lugar é bo para empezar a contar o mundo".

Un territorio literario é un bo lugar para comezar a contar o mundo ou para continuar contando polos camiños doutros autores como Ánxel Fole, Uxío Novoneyra ou Emilio Araúxo. A Ribeira Sacra chamada "a Mesopotamia galega" ten a súa propia colección, a Biblioteca de Mesopotamia de Chan da Pólvora, que documenta os lugares habitados cunha antoloxía dos contos de Fole, O Libro da Ribeira Sacra de Araúxo e a última edición do Libro do Courel. Os Eidos de Novoneyra.

Un territorio literario sempre é un bo lugar para comezar a contar o mundo como di Mercedes no poema. Tamén é bo iniciar un libro con ises animais pequeniños 

2.— As formigas 

A poeta dálles voz e as formigas din:

Considerámonos felices
pero calquera se atreve a dicilo.

Esta felicidade innomeada lémbrame un fermoso poema visual que é un camiño das formigas aberto por Salvat- Papasseit, poeta surrealista que traballou no porto Barcelona e fai un século debuxou estas palabras:
Camiño do sol – polas rutas amigas – unhas formigas

3.— O ritmo do traballos

Hai unha longa lista de traballos que recuperan o ritmo das formigas na enumeración do poema dedicado ás "Tarefas" vencelladas ao lugar: chamar ao 1004, carabuñar a gadaña, gardar as noces da chuvia, coller o pan ou coller un atasco ou mercar un IPad… Un lugar de pertenza interconectado, aínda que marche a conexión, como non fai moito marchaba a luz na montaña.

4.— A normalidade da rede

Lendo o libro edénico sorprendeume que non incomodan as accións relacionadas co teléfono móbil, os grupos de whatsapp, as descargas, os selfis, as fotos de bolboretas…

Mercedes M. Modroño non insiste co omnipresente laio polo dixital e integra esta dimensión dunha forma natural como é sentir xeral na montaña onde as redes son simplemente outro medio para conectarse, sen tanto enguedello cos hándicaps que conlevan. A funcionalidade da rede para os lugares arredados é concreta: manternos conectados sen (por agora) ansiedade dixital.

5.— As lecturas ao fondo

As lecturas son influencias que descansan ao fondo. A poeta non as mestura nin as confunde coa súa escrita, fican nas citas como as de Vallejo ou Cernuda e unha totalmente destacada. A referencia que fai nun poema homónimo e noutros dous lugares ─lembremos que este é un libro de espazos interiores─ onde cita o "Tao" e ao seu autor múltiple no peche do poema Concordancias coa realidade:

lao tsé expresouno mellor 
e moito máis brevemente 
pero en calquera caso
eu quería repetilo en galego.

6.— Capitalismo tardío

O libro está atravesado pola crítica ao sistema opresivo que sufrimos con síntomas endémicos, unha crítica íntima e comunitaria que mostra unha resistencia radical e sentenza:

O capitalismo profana a vida.
E máis adiante engade:
A miseria ten as raíces fondas coma
as silvas ou as carveas.
non hai pobre máis grande
que o que pensa que non ten a raíz
da miseria dentro
e non sabe de onde hai que tirar.

A falta dun Edén, a terra ten entradas e saídas: a voz da poeta Kae Tempest, a liberdade das moscas, as sereas que traguen xurelos e cantan sempre cantarinas, as ánimas, as respiracións que son vacina para todas as fronteiras…

Este libro lembra na capa a Isolina Pumar e achega algunhas descubertas que hoxe, apoiadas no interese polo mundo rural que antigamente foi mundo agrario; agora cando non existe a posibilidade de salvamento e cando habitamos o lugar onde desapareceron os labregos, agora escoitamos sen extravío uns poemas que falan da relación vital coa terra, algo que acontece acontece desde o título no libro de Mercedes Martínez Modroño, A falta dun Edén, (temos) a terra.

Comentarios