Opinión

O público, servizo; o privado, beneficio!

Febreiro preséntase como o mes no que o Ministerio de Educación presenta unha nova reforma do sistema universitario

Febreiro preséntase como o mes no que o Ministerio de Educación presenta unha nova reforma do sistema universitario. Cando aínda as primeiras graduadas se presentan ante o mundo laboral, o goberno do PP pretende volver a reestruturar todo o sistema de graos, co coñecido 3+2.

Mais, o que pretende esta reforma está claro. Graos máis curtos, coa escusa de que así son máis baratos e accesíbeis para todas, e mestrados con créditos moito máis caros (o dobre ou a tripla dos de grao), alén de seren profesionalizantes e case obrigatorios. En definitiva, o cómputo total aumenta e as dificultades para poder estudar tamén. Unha universidade, cada vez máis elitizada, con menos bolsas e criterios máis duros para poder obtelas. Unha situación pola que só poderán estudar as persoas con mellores notas ou que se poidan permitir o luxo de poderen pagar as elevadas taxas universitarias e mais a estancia ao vivir fóra do fogar. 

"Só poderán estudar as persoas con mellores notas ou que se poidan permitir o luxo de poderen pagar as elevadas taxas universitarias e mais a estancia ao vivir fóra do fogar"

Chegamos pois, a unha situación que beneficia ás universidades privadas, xa que toda esta reforma supón un investimento para as universidades públicas galegas, que esmorecen por falta de financiamento. O reparto desproporcionado, que fomenta a competitividade entre estas universidades, repercute finalmente sobre o ensino público que cada vez ten menos orzamento, buscando esmolas no sector privado; permitindo así a influencia das empresas na nosa educación.

Toda a comunidade educativa en contra desta e de todas as reformas que o ministro Wert foi anunciando e aprobando sen consenso nin diálogo cos sectores afectados. 

Reformas que só favorecen a adaptar o ensino a entidades privadas. Adecúan o ensino público para poderen emigrar e traballar sen cuestionarse nada. Desde a LOMCE ao 3+2, vivimos un despece do público en prol do privado. 

"Desde a LOMCE ao 3+2, vivimos un despece do público en prol do privado"

Mais febreiro tamén se presenta como un mes de resposta estudantil. O vindeiro día 26, o estudantado galego sairá máis unha vez á rúa, para dar resposta a todas as agresións que estamos a vivirmos. Unha resposta firme e unitaria na defensa da universidade e do ensino galego.

Poderíamos simplemente enunciar todos os problemas do ensino público galego, desde a desaparición da nosa lingua das aulas, pasando pola diminución de profesorado, até a lei do SUG, por poñermos algúns exemplos. Pero xa se teñen analizado e amosado todos estes problemas, todos estes recortes. Temos motivos de sobra para baleirar as aulas de Galiza, e para chamar a unha folga máis que necesaria. É preciso encher as rúas do País dun berro, alto e claro, en contra das políticas educativas dos últimos anos.

Comentarios