Opinión

A terra das laranxas tristes

Foi así como alcumou ao seu país Ghassan Kanafani, afamado novelista palestino asasinado en Beirut polo Mossad israelita. "Ti e máis eu, e todos os nenos da nosa idade non sabíamos que era o que estaba a pasar", relataba autobiograficamente hai xa máis de 60 anos...

En marzo de 2024 o Goberno español decide destinar 110 paracaídas a Xordania para posibilitar o envío de alimentos, desde o ar, á poboación palestina asediada na Gaza. A decisión foi adoptada despois de os Estados Unidos realizaren un anuncio similar. Canta misericordia e caridade, canta bondade! 2 x 1: armas e tecnoloxía militar para o exterminio xenocida e, simultaneamente, conciencias tranquilas coa axuda humanitaria.

Para quen o descoñecer, é importante ter presente que o Exército israelita está a utilizar armamento español na súa política de aniquilación do pobo palestino na franxa de Gaza. En concreto, o goberno español autorizou, nos últimos anos e con independencia da cor política do goberno correspondente (actual incluído), licenzas de exportación e venda ás forzas armadas israelitas dos seguintes compoñentes militares: armas lixeiras (fusís, revólveres, pistolas, metralladoras, silenciadores e visores), munición e cartuchos para armas lixeiras, bombas incendiarias, foguetes, mísiles, minas, cargas de demolición, granadas fumíxenas, botes de fume, sistemas de dirección de tiro, sistemas de detección de brancos ou equipamentos para o helicóptero de ataque a terra "Tigre", entre outros. Velaí o compromiso pacifista e de neutralidade activa do Estado español.

É moi probábel que parte deste armamento de procedencia española se utilizase tamén polas tropas israelitas que metrallaron e bombardearon hai uns días á poboación civil que só pretendía recoller alimentos da axuda humanitaria. 120 mortas e 800 feridas no masacre. Non pasa nada. Só eran palestinos e palestinas. 

Alá cadaquén coa súa conciencia, mais tanta hipocrisía supera xa calquera mínimo nivel de decencia. Nunca gañaron tanto as empresas armamentísticas españolas (Airbus, Indra, Escribano, Thales e moitas outras), e Borrell (debería revisarse: gústalle disfrazarse con roupa militar sobre todo cando vai a Polonia, aínda sendo civil), como bo criado do xendarme norteamericano, só pretende a multiplicación dos orzamentos europeos, tamén do español, en material ofensivo (négome a denominalo "defensa"). Peculiar concepto de "diplomacia" para o responsábel europeo desta área.

Por iso é tan precisa, tan imprescindíbel, a solidariedade internacionalista. A resposta do pobo. Porque o antiimperialismo non é un concepto arcaico. É humanidade. É amizade, dignidade e recoñecemento dos pobos en pé de igualdade. Seica Galiza está á cabeza de todo o Estado español nos actos e mobilizacións de solidariedade. Máis unha razón para me orgullar de ser galego.

P.D.: Estou certo que Fayez Badawi, o palestino amigo da Galiza que xa se considera galego, e que compartiu militancia con Kanafani, algún día poderá tornar á súa terra de Galilea, que deixará de ser das laranxas tristes para se converter en libre.

Comentarios