Opinión

Cousas da casa

A semana pasada estreouse na noite dos martes da televisión pública galega "Cousas da casa", un programa onde unha organizadora profesional vai ás casas de persoas que aparentemente teñen problemas de desorde ou de acumulación para darlle unha volta a espazos conflitivos e mellorar a súa funcionalidade e as dinámicas de organización doméstica.

A min agrádanme os programas de entretemento coma este e non creo que teñan por que ser profundísimos nin presentar análises sisudas da realidade, aínda que é certo que unha pode preguntarse ata que punto non debería gobernar a cordura á hora de pedirlle a unha artista que se desfaga de tubos de pintura ao óleo inacabados, de rotuladores perfectamente útiles ou de caixas para gardar materiais por completo funcionais pola única razón de que son feas e é posible mercar outras máis bonitas en Ikea, e que un taller de traballo acabe parecendo unha tenda. 

Ao tempo que todas tomamos conciencia da importancia de reducir o consumo, reutilizar o que temos e reciclar o que de verdade sobra, sorprende que a proposta dun programa deste tipo sexa tirar cunha mesa ou cunha caixa que xa tes para mercar outra máis estilosa.

Sorprende tamén que se produzan situacións profundamente incómodas para calquera que non pense que o traballo das artistas é un pasatempo ou que a súa filla de cinco anos pinta coma Picasso. Ao meu ver, o momento máis difícil de ver é cando, ao rematar o programa, a artista –Lúa Gándara– ofrece un retrato de pequeno tamaño como agasallo para a organizadora, e esta última respóndelle que ten que regalarlle un deses outros cadros, un dos grandes que hai no taller, coma se un cadro fose un biscoito caseiro que unha amiga túa ten na casa e a quen lle dis: non sexas amarrada e dáme un pouco co café.

A artista comenta que ese cadro custa unha pasta. A organizadora ri, coma se fose unha broma: Como? Unha pasta?, pregunta, estupefacta.

Con todo, é posible que a graza do formato sexa precisamente ofrecer á espectadora situacións comentables para que opinemos desde a casa, e o que me pareceu verdadeiramente problemático do primeiro episodio non son esas cousas senón a expresión por completo desleixada e a baixa calidade lingüísta do formato. Falar con corrección non é ser alta ou baixa ou ter os ollos verdes: pódese aprender, se unha lle concede valor ou importancia. 

En todo caso, os erros flagrantes do primeiro episodio diminuíron notablemente na segunda emisión deste martes. Os castelanismos, os hiperenxebrismos e a falta de desenvoltura seguen aí, e seguramente esta última garde relación coa rixidez e a pouca espontaneidade das intervencións, que fan o programa parsimonioso, aburrido e sobreactuado; pero, cando menos, o galego é intelixible e percíbese que algo pasou ou que alguén tomou a molestia de revisar este tipo de problemas, cousa que se agradece, aínda que sexa pouco pedir.

Comentarios