Opinión

A parcialidade ao descoberto

I- No periplo xudicial de Carlos Calvo Varela, 2015 comezaba cunha boa nova: o Tribunal Supremo absolvíao do delito de pertenza a organización terrorista e deste xeito rebaixaba de 12 a 7 os anos de cumprimento pola sua relación cunha mochila con explosivos intervida en Vigo en Setembro de 2012.

I- No periplo xudicial de Carlos Calvo Varela, 2015 comezaba cunha boa nova: o Tribunal Supremo absolvíao do delito de pertenza a organización terrorista e deste xeito rebaixaba de 12 a 7 os anos de cumprimento pola sua relación cunha mochila con explosivos intervida en Vigo en Setembro de 2012. Un a un, o alto tribunal desmentía as consideracións da Sección Primeira da Audiencia Nacional presidida por Grande-Marlaska e emendaba a enésima invención do noso ibérico TOP contemporáneo.

"O Tribunal decidiu condenar antes do xuízo e, se non o pode facer a partir da tese da acusación pública, improvisa noutra dirección e senta uns factos delitivos indisputados, non rebatidos e magnificamente fixados, con aleivosia, porque o acusado non se vai poder defender simplemente porque van aparecer na escena cando o xuízo acabar".

II- A primavera levounos a un novo xuízo, outra vez con Grande-Marlaska e Nicolás Poveda no tribunal. Desta vez a fiscalía acusaba o Carlos Calvo de colocar persoalmente un artefacto explosivo nun caixeiro automático en outubro de 2011. O único argumento da acusación alicerzábase nun controvertido achado no lugar da acción dun fragmento de carné de conducir a nome do Carlos, documento do que el mesmo denunciara a súa perda -enteiro-. Desde a defensa, convencidos da falsidade da acusación, demos probado que o dia dos feitos Carlos se atopaba a centos de quilómetros de Vigo, na festa do outono por excelencia, San Froilán. A sentenza aceptou esta tese e viuse obrigada a afirmar que non se podía estabelecer que o acusado fose a persoa que materialmente colocara o artefacto.

A resolución da sala, porén, condenou o Carlos Calvo por un feito que non fora obxecto de debate no xuízo (e por tanto tampouco da acusación): entendía probado que el foi quen forneceu o explosivo aos autores materiais dos feitos. Non se sabe quen foron os autores materiais. Non se sabe en que lugar, en que data nin de que xeito Carlos lles faría chegar os explosivos -a sentenza non o di nin se esforza en esbozalo- mais a responsabilidade pola posesión do explosivo recae no Carlos Calvo e implícalle a imposición de mais sete anos de privación de liberdade. Como a volta da primeira absolución.

III- Alén da crueldade de condenar a alguén sen o someter a xuízo, sen preguntarlle pola posesión (o fiscal obviamente non o fixo porque nin siquera lle formulou ese cargo) e que esta condena pese sobre as costas do reo e do seu entorno até que a tombe -como unha célebre estaca- un tribunal superior, o atropelo do principio acusatorio revélanos a parcialidade interna do tribunal xulgador. Unha sentenza como esta require dunha proba empírica. O Tribunal decidiu condenar antes do xuízo e, se non o pode facer a partir da tese da acusación pública, improvisa noutra dirección e senta uns factos delitivos indisputados, non rebatidos e magnificamente fixados, con aleivosia, porque o acusado non se vai poder defender simplemente porque van aparecer na escena cando o xuízo acabar. A perda de dereitos é evidente, mais de onde provén este convencemento tan apriorístico do tribunal? Por que un mozo galego acaba con catorce anos ao lombo quando o Código Penal castiga con seis anos unha agresión sexual ou con dez un homicidio?

"Por que un mozo galego acaba con catorce anos ao lombo quando o Código Penal castiga con seis anos unha agresión sexual ou con dez un homicidio?"

IV- Na Alemaña nos anos 30 e até 1945, grandes teóricos do dereito penal (de Mezger à escola de Kiel) chegaron a razoar e a propor a fondo sobre como cumpría que o dereito penal fose dereito de loita para atrapar o inimigo alí onde tiver o seu punto de partida, na vontade do criminal. Ao inimigo do nacional-socialismo se referían, abofé. Estabeleceron como regra de interpretación a analoxía contra o acusado, derrogaron o principio de personalidade e edificaron un monstro -como poucos- que acabou xustificando a pena de morte para supostos de “inimizade xurídica”: comunismo, homosexualidade, aborto ou aldraxes á raza. Como fundamento estrutural falábase da culpabilidade por “condución da vida” que presupuña que a aplicación da severidade do dereito penal non tiña porqué provir de ningún feito concreto que fose delito senón que abondaba con ser dunha determinada maneira para poder ser culpabilizado e castigado.

V- Di David Fernández que “na tradición inquisitorial hispánica hai un instrumento que sintetiza a brutalidade do poder: o terríbel acto de fe. Procesión, misa, sermón. E fogueira. A cultura do medo. E castigo exemplarizante. E aviso a navegantes.” Intúo que a segunda condena, inxusta e imerecida do Carlos, vai por aqui e cheira tanto a fogueira que farta. Dunha fogueira que queima en Berlín nos anos 30 e en Madrid en 2015. Unha fogueira á que non lle cómpren probas e se aviva alimentada de prexuízos, vaidade e mentalidade de orde da maxistratura española.

Mais o ciclo de loita, xudicial e non xudicial, continúa. Despois da primavera ha chegar o solsticio, e choutaremos como fixemos sempre por riba das fogueiras, desta que agora semella tan alta e de todo o resto, nunha noite ateigada de estrelas e de ar estival e habemos recuperar daquela o sentido da palabra xustiza, cando tivermos o Carlos entre nós.

Benet Salellas i Vilar, Avogado

Comentarios