Opinión

Carballo Interplay: O futuro ródase na rede

Con 40 euros , un micro, unha cámara, un ordenador e un fiel equipo de colegas, naceu "Malviviendo", unha webserie que arrasa na rede e que reúne xa nada máis e nada menos que 30 millóns de visualizacións.

Con 40 euros , un micro, unha cámara, un ordenador e un fiel equipo de colegas, naceu "Malviviendo", unha webserie que arrasa na rede e que reúne xa nada máis e nada menos que 30 millóns de visualizacións. Teresa Sainz e David Segura, director e directora de produción, son a madriña e o padriño do Carballo Interplay, o primeiro festival de webseries do Estado, e un auténtico cataventos das correntes que están alentar aos novos talentos, ás novas xeracións do audiovisual e ás non tan novas, cando tantas portas se pechan. Internet é, para o audiovisual, non só unha oportunidade, senón un auténtico cambio de paradigma que está a mudar as maneiras de narrar, de producir, de difundir e de financiarse.

"Con 40 euros , un micro, unha cámara, un ordenador e un fiel equipo de colegas, naceu "Malviviendo", unha webserie que arrasa na rede e que reúne xa nada máis e nada menos que 30 millóns de visualizacións".

Din que os momentos de crise son tamén momentos de oportunidade, aínda que non sería xusto ocultar con esta verba que pode con todas as culpas o recorte de financiamento e apoio público da Xunta á cultura galega e ao seu audiovisual. A multitude de creadoras e creadores que, ao redor do Carballo Interplay, estes días están a amosar as súas pezas, a debater e a reflexionar, son o mellor exemplo de como facerse grande ante as dificultades.

"Angélica e Roberta", un referente das webseries galegas, premio Mestre Mateo en 2013, naceu dese mesmo impulso. Cerradas as portas da industria audiovisual, que non vía factíbel unha idea sobre dúas rapazas un tanto frikis, afastadas dos estereotipos femininos tradicionais, Sonia Díaz e Sandra Lesta optaron por non botar ao lixo unha idea na que crían e puxérona a andar na rede. Tiveron éxito e apostaron polo formato de tal maneira que son, respectivamente, a directora e a responsábel de actividades paralelas do CIP. Grazas a internet podemos ver contadas historias coma estas sen saída nas televisións convencionais. Relatos que mesturan xéneros, que rachan con finais de sempre, onde podemos ver thriller, ciencia ficción, historias de zombis, comedias… Formatos en continua creación e recreación que van da webseries ás longametraxes, aos vídeos de seis segundos en vine, as remesturas, e experimentación con narrativas transmedia, con remesturas…

"O cabalo de batalla, coma sempre, é o financiamento. Recortados os apoios públicos para o audiovisual, a única opción posible é fuxir cara adiante procurando aguzar o enxeño"

O cabalo de batalla, coma sempre, é o financiamento. Recortados os apoios públicos para o audiovisual, a única opción posible é fuxir cara adiante procurando aguzar o enxeño. E a rede está a inspirar tamén novas formas de patrocinio e publicidade. "Entre pipas", webserie protagonizada por Luis Zahera e Xúlio Abonjo, está patrocinada por Matutato. O "branded content" baséase, precisamente, en facer protagonista da peza a unha determinada marca. Outra estratexia é a que representa, de maneira pioneira, Freaklances project, tamén estará representado no Carballo Interplay: a creación dunha distribuidora para produtos audiovisuais pensados para a rede.

O Carballo Interplay dá conta do impulso da cultura como motor, neste caso dunha vila, a capital bergantiñá, que decidiu ir a contracorrente  da asfixia da creatividade que outras administracións están a aplicar. En Carballo estase a botar man de novidosas iniciativas culturais que pretenden poñer a vila no mapa, promocionala, crear sinerxias cos sectores turísticos e hostaleiros da vila e tamén, xerar orgullo do que somos e podemos facer. Estase a facer co Carballo Interplay, pero tamén con outros proxectos como "Derrubando muros con pintura", unha iniciativa de arte urbana que procura suturar as feridas das agresións urbanísticas da segunda metade do século pasado volvendo o gris dos muros  en auténticos murais artísticos. Ou tamén con proxectos que vinculan cultura e promoción económica, dos comercios e negocios hostaleiros locais, como Quedamos en Carballo, do que forma parte o Contos de Taberna, un conxunto de catorce relatos inspirados en cafeterías, restaurantes e tabernas locais.

"En Carballo estase a botar man de novidosas iniciativas culturais que pretenden poñer a vila no mapa, promocionala".

Hai uns meses, comentábame nunha entrevista Carlos Blanco que, ante a ondada migratoria de creadoras e creadores galegos que buscan fóra a oportunidade que aquí se lles nega, o audiovisual galego florecería proximamente en Londres, Berlín ou Nova Iorq. Por desgraza, poida que nun futuro, como dicía Blanco, as mellores historias galegas sexan narradas fóra como fixeron Scorsese, De Niro ou Coppola, tamén de estirpe emigrante, en Nova Iorq. Porén, hai xente que non se resigna. E que ficando aquí, contra vento a maré, non só logran seguir adiante, senón tamén innovar, explorar e abrir novas portas, as portas do futuro. Este festival, que se estenderá do 24 ao 27 de abril, quere servirlles de escaparate e recoñecemento. Longa vida, pois, ao Carballo Interplay.

Comentarios