martes 03/08/21

Un veleiro nunha caixa de mistos

A tarde de Nadal está a piques de rematar e a luz do día é xa unha invisible visión na negrura do mar, teimando co murmurio da súa existencia. Estou escribindo, e como un pano que se pecha de súpeto, no que o público, desconcertado, non sabe se seguir sentado ou marchar, a voz do meu compañeiro rompe o silencio –faleceu Lino– e escoitei a túa gargallada sincera, cómplice. E lembrei un de tantos encontros, que sempre eran de ledicia e aprendizaxe.

Unha tarde de chuvisca, na rúa da Estrela, pousaches o teu brazo sobre os meus ombreiros e, acompañándome até a miña casa, falaches de Valle-Inclán, asubiaches unha melodía e recitaches eses versos de Lois Pereiro que che emocionaban até as bágoas —sigo os pasos do sangue no meu corpo / e coa unlla do dedo máis firme / abro un sulco vermello en media lúa / na vea que me acolle tan azul.

A consciencia de estar calada até os osos, chegou moito despois, mentres, só importaban as túas palabras, o teu xeito de contar historias, de mesturar o pasado co que está por vir nese o teu corazón inconformista.

Ao despedirte, agasalláchesme cunha das túas caixas de mistos nas que agochabas veleiros cun punto vermello no horizonte. Ese costume durou até hoxe, que mais que nunca serán os meus tesouros e os de tantas outras persoas. Os nosos veleiros amarrados no porto da memoria.

A consciencia de estar calada até os osos, chegou moito despois, mentres, só importaban as túas palabras

Quen tivo a sorte de coñecer a Lino Braxe, ten a fortuna de levar tatuada a súa ollada, a súa voz, no espazo no que vive o querer do común. Lino era o artista que ao temón do seu veleiro ía acollendo tripulación, aperta tras aperta, para levarnos cara a ese punto vermello no ceo.

Amaba a poesía como un xeito de vivir a vida, de entendela e facérnola entender. Quixera vivir dela, así o dixo en moitas ocasións, pero por máis que nesta terra agroman poetas como chorimas no mes de abril...

Delicatessen

Nun país coma o meu / os máis sensibles pasan por parvos / e os máis cultos son insensibles. / Por iso no meu país / se devora aos poetas / con ignorancia canibal (Lino Braxe. Do seu libro, Alaridos. Accésit de Poesía Miguel González Garcés, 2006). 

Non hai actividade artística que puxera cancelas á súa creatividade. Poesía, narrativa, música, pintura, dobraxe, espazos radiofónicos, dramaturxia... Debutou como cantante de ópera no Teatro Colón coas obras: A Traviata, A sonámbula e A Bohème. Mesturou, xunto con Rómulo Sanjurjo (Avenida Atlántica), o poema “Negra Sombra” de Rosalía cos ritmos reggae.

No teatro quedará para sempre ese primeiro Hamlet (2006) en galego. Xunto, con Manuel Rivas, adaptou a obra baseada na tradución ao galego de Miguel Pérez Romero. No elenco estaban, entre outros, os actores e as actrices: Luís Tosar, Miguel Pernas, Manquiña, Flor Maceiras, Iolanda Muinos, Victor Mosquera... Foi o seu un Hamlet que chegou ao público, porque esa era a conexión que sempre buscaba Lino. El, que gustaba da soidade como da vida, coa mesma intensidade, establecía a súa comunicación nos escenarios, coas súas actrices e actores do teatro amador. Na actualidade, dirixindo a Compañía de Teatro da Asociación Cultural Alexandre Bóveda. 

Tamén fixo adaptacións doutros textos: A soldadeira, de Luís Seoane, do que era grande admirador e estudoso da súa obra, así como O paseo das esfinxes, de Luisa Villalta. Da súa autoría son Inverno Occidental (2012, Laiovento); A Actriz (1991, Gañadora do Teatro Breve do Facho); A promesa (1991, Edicións do Castro).

Lino, irmán, poeta, é tan difícil non volver falar de ti, da persoa! A túa ausencia golpea, como neste preciso instante, as gotas de chuvia no cristal da xanela.

É vinte e seis de decembro, saio do tanatorio, ese non lugar, e sinto que nos apertas a todas, e escoitamos a túa voz:

—Ollade, irmás, irmáns... alá, no horizonte... os mastros do veleiro do Vizconde de Mendiá!

E aperto na miña man a derradeira caixa de mistos que leva dentro un veleiro, cun círculo vermello no horizonte.

Até sempre, Lino!

comentarios